A tempestade

Por que facer Shakespeare?

| Inma López Silva |

A Tempestade

Malia ser un xenio, Shakespeare non o resiste todo. Precisamente esa é unha das poucas cousas que Shakespeare comparte co común dos mortais, e por iso resulta tan suxestivo poñelo a proba nesa liña, xogar a rompelo e a refacelo, levar ao límite da non teatralidade as súas obras case perfectamente aristotélicas, ben feitas por definición. É aí onde os artistas contemporáneos atopan en Shakespeare un dos poucos retos capaces de resistirse ás linguaxes da posmodernidade e a filosofías opostas ás que moveron ao xenio de Stratford e o levaron a ser o rei do canon teatral universal. Mais quen opte por ese reto, debe aceptar un paradoxo esencial que marcará todo o traballo artístico: os textos de Shakespeare en si teñen unha feitura incompatíbel cos factores básicos da posdramaticidade e coas liñas fundamentais da teatralidade contemporánea que, dun xeito ou doutro, racha cos piares da mímese aristotélica; e por iso, reler a Shakespeare desde esta perspectiva implicará tomar unha decisión difícil: ou deixar a Shakespeare tan de lado que sexa unha simple referencia de inspiración (velaí o traballo de Wilson), ou, pola contra, retirar ao posdrama o que ten de “post” e levalo ao terreo da adoración polo texto shakesperiano mantendo o que ten de drama e introducindo o elemento contemporaneizador en cuestións de forma (velaí o traballo de Brook); isto último é compatíbel co desenfado posmoderno, coa posta en dúbida do canon e mais coa experimentación, pero implica non atender ao principal achado (e interese) da contemporaneidade escénica que é a procura da non ficción, da acción directa e da recepción máis emocional ca racional. Shakespeare escribe desde a razón filosófica e iso é, xustamente, o que o fai universal e sempre actualizábel. A contemporaneidade escríbese desde a non-escritura, desde a posta en dúbida dos presupostos fundamentais do Pensamento Occidental, e por iso pode pór en dúbida a Shakespeare mais non facendo a Shakespeare. Velaí a aporía das tendencias contemporáneas en relación co canon. Por isto, a pregunta que unha se formula ao ver esta Tempestade de Voadora é: por que facer Shakespeare?

Evidentemente, detrás da decisión de Marta Pazos e a súa troupe está a refrescante vocación de transgresión canónica que fai deles unha das opcións máis interesantes da escena galega actual, un xogo a ser malos co canon a través do que demostran ter un discurso escénico propio e unha capacidade de reformulación das vellas teimas da teatralidade que probabelmente xa non son útiles aos sistemas teatrais occidentais tal como estaban expostos. Mais nesta obra baten de fronte coa aporía porque A tempestade de Voadora quere ser Shakespeare sen Shakespeare e, quizais máis importante aínda, sen o que o espectador agarda de Shakespeare cando vai ver A tempestade. Hai, efectivamente, un traballo dramatúrxico bastante ben fiado no que os distintos niveis de ficcionalidade (a peza dramática e o xogo metateatral) flúen sen estridencias, e é certo que ese nivel de xogo co horizonte de expectativas é, precisamente, o interesante desta proposta, pero hai momentos da peza nos que Shakespeare arrampla con Voadora facendo evidente que a lectura da obra, desa teatralidade, dese outro tempo contraditorio xa coa contemporaneidade escénica, estaba pensada para un resultado e unha reflexión artística que aparece só de xeito intermitente.

E nesa intermitencia onde Marta Pazos consegue apreixar o público. Sen dúbida alí onde Voadora é Voadora é onde gaña esta Tempestade que, na lectura Shakesperiana queda adrede no superficial para non contarnos, en realidade, A tempestade, senón para contarnos que o teatro contemporáneo se ri do canon e queda tan ancho. Nese espazo cómodo para a compañía, cobran sentido as músicas, os deliciosos momentos coreográficos, a fragmentación da acción, a magnífica ironía e a capacidade de Pazos para manexar as imaxes escénicas e o espazo ao seu antollo convertendo o escenario nun pracer e nun suxestivo espazo para deixarse levar pola emoción, o pensamento e mesmo a agradábel ruptura contemporánea co propio teatro, todo a pesar dunha estraña relación entre galego e castelán que non acabo de ver (se ben entendo a gracia de pór aos graciosos en castelán ou en andaluz, por que citar a Yoko Ono en castelán cando escribiu en inglés?)

Mais nos momentos nos que Shakespeare se fai coas expectativas do público, quedan en evidencia algunhas eivas; as fundamentais: a pouca resistencia da dramaticidade clásica aos ritmos e tempos da contemporaneidade teatral e a desigual relación co texto dalgúns integrantes do elenco. Neste senso, se Hugo Torres saca un certo partido do seu acento portugués amosando que a súa capacidade actoral pode mesmo con este Próspero revirado, Olalla Tesouro bate permanentemente cunha Miranda que debera ser moito máis; quedo, sen dúbida ningunha, co traballo de Diego Anido no papel de Calibán, e gustei, pola versatilidade, deste Ariel almodovariano que é Fernando Epelde.

A tempestade de Voadora é, sen dúbida ningunha, o espectáculo máis ambicioso deste 2014 no que aínda faltan estreas por amosar. Mais dubido que poidamos ver novamente tanto risco (amosado tamén na fórmula de produción vía crowdfunding) e tanta suxestiva relación co perigo artístico. Precisamos iso sexa cal sexa o resultado, e eu sei que o público valorará iso tanto ou máis que os aspectos concretos do espectáculo. Porque só así se reconquista o público: obrigándoo a confrontarse co pasado e co futuro, iso ao que é fiel Voadora desde que naceu. Iso si, eu prefiro á Voadora que non precisa a Shakespeare e que demostra sempre que, por si soa, ten moito que dicir no teatro actual.

Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia

A Tempestade de William Shakespeare
Compañía: Voadora
Dirección: Marta Pazos
Elenco: Diego Anido, Jose Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Wickert, Sergio Zearreta
Música Orixinal: José Díaz, Fernando Epelde e Hugo Torres
Espazo escénico: Ana Luena
Iluminación: José Alvaro Correia
Vestiario: Uxía P. VAello
Coreografías: Diego Anido, Iván Marcos, Guillermo Weickert

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 19-07-2014

 

Advertisements