Dot

Novo espazo para xogar

| Camilo Franco |

Dot | Natasha Lelenco

 

Danza e infantil son dous xéneros difícil de combinar. Non sei se polo reducionismo que rodea as artes escénicas para rapaces ou pola soberbia que, en ocasións non sempre puntuais, parece destinar a danza só a públicos adultos, iniciados, atentos. En fin, un público ideal.

Pero públicos ideais non hai. Maduixa Teatre parece decidida en Dot a facer combinación con elementos que a convención xulga contraindicados para garantirse espectadores: xénero infantil, danza contemporánea e iso que con persistencia sorprendente seguen chamando algúns prescritores novas tecnoloxías. Pero non son novas, son as que hai, as de agora, as que tocan. A compañía coloca os tres elementos na mesma dirección para conseguir que os espectadores (os máis novos) queden prendidos polos ollos e por esa recreación do xogo que argumenta toda a obra. Poderiamos facer paralelismos a propósito dunha parede branca que se comporta como unha pantalla das miles que nos rodean (televisores, ordenadores, tablets, cine, valados publicitarios) e tamén poderiamos aproveitar Dot para curiosear un pouco sobre a fascinación que exercen as pantallas sobre a especie humana. Poderiamos deambular entre argumentos sabendo que os espectadores da obra, os cativos, non son o público ideal para a crítica escénica.

Pero en realidade, deixamos que as aparencias nos enganen con facilidade porque Dot está adobiada coa súa pantalla, coas xeometrías cambiantes, coas cores que o pop nos regalou como cotiás e coas liñas que o minimalismo utilizou para simplificar as cousas. Está bailada con graza e sen ánimo de especular, consciente de que os rapaces son máis difíciles de enganar que a maior parte do censo electoral adulto. Pero estando todo isto na montaxe, non deixa de ser a superficie. Porque a obra en realidade fala sobre o xogo e as súas posibilidades. Quizais non reparemos en que cando os rapaces cambian de xogo as sociedades cambian de argumentos. A peza da compañía valenciana é unha proposta de xogo. De xogo físico que en lugar de utilizar unha corda utiliza unha liña que, por convención, chamaremos virtual. Os aparellos cambian pero o xogo é o mesmo.

A montaxe vai de menos a máis, igual que nos videoxogos hai un preámbulo didáctico para exercitarse e as dificultades son maiores conforme se avanza na historia. No teatro todo é máis sinxelo para os espectadores: as dificultades medran para o elenco, para o público queda a sorpresa. Para o público infantil. Os adultos somos repunantes e unha vez entendido o sistema xa nos parece que está todo feito. Pero a compañía dálles corpo a eses xogos contra o espazo e deixa alta a idea da interactividade que alimenta todo xogo. Porque na corda, como na Wii, o importante é que pase algo divertido.

 

Foto: Natasaha Lelenco | MIT

Dot de Juan Pablo Mendiola
Compañía: Maduixa Teatre
Dirección: Juan Pablo Mendiola
Dirección coreográfica: Mamen García
Elenco: Laia Sorribes, Joaquín Collado
Iluminación: Juan Pablo Mendiola
Música: Damián Sánchez
Indumentaria: Joan Miquel Reig

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 20-07-2014

Advertisements