Ubu roi

Urbanidade e poder

| Manuel Xestoso |

Ubu Roi | Natasha Lelenco

 

Reconectar co espírito iconoclasta e transgresor que presidiu a estrea de Ubu roi hai xa máis dun século non é tarefa doada nesta época na que a provocación se converteu nunha estratexia de márketing. E, non obstante, Declan Donnellan conségueo grazas a unha idea brillante: imaxinar que a obra é a fantasía dun adolescente que se vinga, a través dela, do hipócrita mundo burgués dos seus pais. A mirada do fillo pousa, confusa e resentida, sobre os flirteos dos seus proxenitores, e o seu desquite consiste en rabuñar a aparencia de boas maneiras e modais exquisitos para descubrir a fina capa que separa a civilización da barbarie.

Recorrer á fabulación adolescente non só ten a virtude de recuperar a natureza edípica do conflito, senón que rescata o vínculo da peza cunha realidade histórica concreta. Hai un universo pequeno burgués –de refinamento formal e obras de arte a xogo co resto da decoración doméstica– que serve de emblema das estratexias do poder para ocultar que os motores que o moven son a cobiza, a crueldade e a covardía. Os ecos shakesperianos da obra de Jarry converxen aquí cunha mirada á actualidade que, sen sinalar a ninguén, resulta perfectamente recoñecible para o espectador.

O vocabulario simbólico da obra, porén, amplíase cando nos decatamos de que non se trata de falar do poder senón de calquera relación de poder: o educado cidadán amante da música clásica e dos alimentos ecolóxicos transfórmase cunha facilidade abraiante nun monstro que viola a muller do seu mellor amigo. O virtuosismo de Donnellan consiste aquí en non deixarnos esquecer nunca o contexto –unha cea entre amigos– en que se desenvolve a farsa: as escumadeiras transfórmanse en espadas; a pantalla dunha lámpada, en coroa real; o ketchup, no sangue dun masacre…

Por parte, os recorrentes saltos entre a fantasía e a realidade posúen a estraña virtude de amosar as vías de continuidade que existen entre os personaxes do sanguinolento guignol e os protagonistas do amable ritual de urbanidade: ambos maniféstanse igualmente esperpénticos e ridículos aos nosos ollos. Os breves momentos de “retorno á normalidade” sinalan con enorme eficacia unha forma de alienación que contén tanto horror e tanto baleiro como a demencia destrutora do père Ubu. E a montaxe adquire así un marcado carácter político, ao advertirnos do risco de explosión do violento delirio implícito na simulación de paz social.

A compañía Cheek by Jowl respondeu ás expectativas creadas cunha función perfectamente concibida e executada. Partindo da desinhibición á hora de asociar o grotesco, o escatolóxico e o violento, arma un preciso artefacto que inaugura unha nova forma de enfrontarse co teatro político. Porque é o marco da cea burguesa a maior fonte de turbación: cando remata o Ubu de Jarry, os invitados continúan comendo placidamente no medio das ruínas do campo de batalla. E iso permite supoñer que a maior ameaza non está en que unha obra de teatro provoque un altercado, senón en que xa non exista a opción dos altercados.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT

Ubu roi de Alfred Jarry
Coprodución: Barbican de Londres, Les Gemeux/Sceaux/Scène Nationale e La Comédie de Bètune – Centre Dramatique National du Nord-Pas-de Calais
Dirección: Declan Donnellan
Elenco: Xavier Boiffier, Camille Cayol, Vincent de Boüard, Christophe Grégoire, Cécile Letereme, Sylvain Levitte.
Escenografía: Nick Ormerod

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 22-07-2014

Advertisements

2 responses to “Ubu roi

Os comentarios están pechados.