Diante do espello

Cos espellos non se xoga

Camilo Franco

Espello | Natasha Lelenco

 

Como hai 40 anos non existía twitter había un procedemento supostamente pedagóxico que consistía en repetir un ripio un número de veces suficiente ata que a forma substituíse ao fondo e fose capaz de disciplinar o comportamento das persoas ao seu enunciado. Por exemplo: detrás de cada espejo se esconde el diablo (non o traduzo porque igual é darlle unha natureza que non ten e porque a memoria opera de xeito moi particular cos idiomas e non sei a cita é tal cal). O proselitismo rancio pretendía apartarnos da visión de nós mesmos e das, supostas, tentacións desa práctica. Pero coa marxe de erro na formación do espíritu que xa coñecemos, advertía de que no espello hai fantasmas que non eran da súa comenencia. O erro, as conclusións derivadas e o o xeito de explicalo. Como diría un carniceiro: o perigo nunca son as ferramentas, o perigo é quen as manexa.

E o teatro é un espello, claro. O que se vexa nel depende do que alguén poña e do que outros queiran ver. Pode non ser xusto, pero tampouco é capricho. Algúns puntos de partida pode erguer prevencións: as novelas sobre escritores, as películas sobre cine, o teatro sobre intérpretes, poden levantar sospeitas de narcisismo ou de valoración excesiva do traballo propio. Quizais requiran dunha proporción extra de sinceridade para que o espectador non pense que ese espello escénico só está ofrecendo desculpas non pedidas.

Diante do espello non é unha obra narcisista. Ese non é o seu erro. Anuncia un camiño que logo decide non percorrer. Ten intención de ofrecer a vida de dúas mulleres nas horas anteriores a un momento decisivo  (e que sexa unha estrea ou unha proba non é o factor relevante da circunstancia) pero o espello desa vida para os espectadores é reduccionista, queda nunha superficie nominal que non anima humanamente as dúas historias. As dúas móvense nunha dirección recoñecible para os espectadores, pero tamén é unha dirección previsible, sen sorpresas, sen descubertas. Sen as posibilidades de ter actrices interpretando actrices. A peza decididiu quedarse no enunciado, porque hai fantasmas nos espellos e non é cómodo convocalos.

A montaxe de Fran Godón deixa un rastro limitado. De ter renunciado a escribir a outra parte. Esta edición da Mostra é exemplo da importancia que ten no teatro o non escrito, da distancia cada vez máis grande entre o representando e o interpretado. De que os personaxes teñan motivos, máis alá do texto, para facer unhas cousas ou outras. De que todos os comportamentos, aínda que non estean explícitos, respondan á lóxica do contado. A ausencia desta parte deixa a obra na función mecánica. Están as accións pero non está o sentido.

Os espellos, como calquera ferramenta, non teñen a culpa. Os espellos non menten e quizais sexa ese o seu gran perigo. O teatro é un espello cruel se queremos ser sinceros. Non mente. Pero hai que atreverse a asomarse de todo.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT

Diante do espello de Fran Godón
Compañía: Uttópico Teatro
Dirección: Fran Godón
Elenco: Yelena Molina, Vanesa Sotelo
Deseño espazo escénico e iluminación: Fran Godón

 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. 23-07-2014

Advertisements