Decamerón, historias para tempos ruíns

A arte do xograr

Manuel Xestoso

decamerón

 

Hai que comezar por matizar: un contacontos ao uso é unha figura que se pon por riba dos seus personaxes, que os utiliza como estratexia para seducir ao público. A relación co auditorio é directa e o éxito depende da súa habilidade para transmitir a narración, para establecer uns lazos co espectador que convenzan da veracidade da historia. Cándido Pazó opera de forma completamente oposta: ponse ao servizo dos personaxes para que sexan eles os que cheguen á platea, os que falen directamente á audiencia. Interpreta, simula, encarna os defectos e virtudes de cada un en función do lles ocorre e do que nos queren contar. Mímaos para, en resumo, elaborar unha posta en escena da que é deseñador e artífice: por aí abrolla o teatro.

O Decamerón é unha obra na que a oralidade está implícita. O libro de Boccaccio conta a historia duns mozos que se refuxian da epidemia da peste nunha vila afastada da cidade e, para esquecer as desgrazas das que foron testemuñas, relátanse contos os uns aos outros. Pazó devólvelle esa condición de literatura falada ao texto e engádelle o extra da dramatización, da exhibición da vida sobre un escenario.

O truco iníciase coa invención dun outro personaxe: un narrador que se coloca no bordo que separa a fabulación da realidade. Ese narrador pode crebar o xogo da ficción e dirixirse a nós directamente: semella que, daquela, é o propio Pazó quen nos fala. Pero a seguir, mergúllase de novo no universo de Boccacio e enléanos máis unha vez na trama novelesca, recordándonos así que a realidade dos personaxes é tan cotiá e verdadeira como a nosa.

E, efectivamente, os relatos escollidos recuncan nun humor que alude a situacións universais e facilmente recoñecibles. Ás veces, son moi doadamente trasladables ao contexto da actualidade e, case sempre, dan pé a un comentario social que vai máis alá da comedia popular sen abandonar os seus obxectivos. O fondo resulta sorprendentemente acaido se se pensa que a obra de Boccaccio nace na Florencia do século xiv, no lugar e na época en que xorde a banca moderna: o enxeño de Pazó non deixa pasar a oportunidade de establecer uns paralelismos realmente fértiles en suxestións críticas e en situacións hilarantes.

Pero tamén existe un fondo amargo que non deixa esquecer o papel da comedia como arma que serve para desenmascarar as argucias da realidade. Cándido Pazó, no seu papel de xograr contemporáneo, comenta situacións concretas, menciona nomes propios, glosa acontecementos presentes na mente de todos. A estratexia é a de pasar o real pola peneira do ridículo e ese dobre fondo de aflición e hilaridade é o que dota de humanidade o gran teatro que se representa ante os nosos ollos.

Quizais a propia natureza fragmentaria do Decamerón impide que a coherencia do espectáculo sexa completa, pero iso importa pouco no corpo a corpo da función. O oficio de Pazó permítelle conectar co público, arrastralo ao seu terreo e amosarlle un sentido da comedia que se nutre de fontes populares: fresco, irreverente, estimulante. A complicidade do público demostra que esta forma de teatro conserva todo o seu potencial de axitación.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia

Decamerón, historias para tempos ruíns, de Cándido Pazó, baseado na obra de Boccaccio
Autoría, dirección e interpretación: Cándido Pazó
Iluminación: Afonso Castro
Son / música: Manuel Riveiro
Indumentaria: Carlos Alonso

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 24-07-2014

 

Advertisements