Agardando estarás ti

Tempo ao tempo

| Manuel Xestoso |

Sinuntu

 

Hai máis de sesenta anos que se estreou En attendant Godot e semella que o tempo segue xogando ao seu favor. O tempo, precisamente, é un dos temas principais da obra: o tempo interior, o tempo que se manifesta no fluír da conciencia. Agardando estarás ti é unha relectura de Godot que pon en primeiro plano esta dimensión temporal, pero que trata de lle engadir esa conciencia do tempo transcorrido dende a estrea da obra orixinal. O escenario está cheo de xornais vellos e, nalgún momento, un dos personaxes refírese a eles como cadáveres: o tempo histórico penetra nunha obra que trata do tempo abstracto. O tempo é repetición, pero pode haber matices.

Despois de máis de medio século, a inocencia con que se leu a Beckett xa non opera con naturalidade: existen demasiados discursos interpretativos que median entre o espectáculo e o espectador. Por esa regaña infíltranse as novidades que a compañía Sinuntu quere introducir. A insistencia en actos absurdos, os reencontros cos mesmos personaxes, as reiteracións de diálogos… obsérvanse cunha distancia que non refuta pero si relativiza o baleiro co que baten, unha e outra vez, Estragón e Vladimir. Hai aquí unha ironía que seguramente xa estaba en Beckett, pero que agora se proxecta dende a perspectiva da Historia.

E, non obstante, todo segue igual: Didi e Gogo permanecen atados ás súas piruetas de clown, a árbore permanece tan espida coma ao principio (se cadra, un chisco máis mirrada), a paisaxe obstínase en non dar respostas. Quizais o devir da Historia, a fin de contas, non cambiou tantas cousas como se podería supoñer a primeira vista. E, daquela, o sarcasmo sería maior. O sorriso torcido de Beckett parece presidir o esforzo dos actores por “actualizar” a súa mensaxe. Eles sábeno, e iso engade aínda maior ambivalencia á función.

O humor chega a esta representación baixo a sombra desa causticidade de dobre gume. A sorpresa, axiña deixa de selo, pero queda a teimosía nova dos personaxes por desprenderse da súa condición de símbolos. No fondo, a renovación da obra podería verse coma un fracaso máis dos protagonistas, que talvez teñen presente a máxima do autor irlandés: “fracasa de novo, fracasa mellor”.

En ocasións, esa actualización non funciona. Lucky é substituído por unha tablet e Pozzo desespérase. O público tamén: un computador ten capacidade para executar miríades de operacións, pero como personaxe teatral resulta máis ben nulo. Pérdese eficacia escénica en favor dunha chiscadela ao presente que tampouco é especialmente produtiva para a función. A Historia debe ser observada cunha mirada menos apegada ao inmediato.

Os actores saben xogar con esa ambigüidade coa que se enfrontan a un texto xa canónico e rendibilízana. Mais as súas brincadelas devólvennos o eco do primeiro Godot, que se resiste a desaparecer da mente. Poderiamos volver ao principio e repetir: o tempo é repetición, pero hai matices. Neses matices están os achádegos desta montaxe.

 

Agardando estarás ti de Lois Blanco Araúxo, sobre textos de Samuel Beckett.
Compañía: Sinuntu
Elenco: Diego Negro Salgado, Carlos A. Botana e Lois Blanco Araúxo

Sala Ingrávida, Porriño, 2 de agosto, 2014

 

Advertisements

One response to “Agardando estarás ti

Os comentarios están pechados.