Peor imposible

Un xogo moi desvergonzado

| Carla Capeáns |

teatro-saca

 

Peor imposible é o cuarto espectáculo de Peter Punk, un pallaso galego que leva ás súas costas arredor de novecentas funcións. Máis de dez anos de traxectoria profesional fan de Peter Punk (Isaac Rodríguez) un dos pallasos de rúa máis coñecidos e recoñecidos de toda Galicia.

Chega a escena un Peter Punk extasiado polo éxito acadado nas súas xiras internacionais e convencido de que xa nada pode saír mal. Pero o que non sabía Peter e que as cousas sempre poden ir a peor. Neste espectáculo de rúa hai divertimento, perigosos equilibrios e incluso un temido circuíto da morte. Pero, de súpeto, o desastre chama á porta e a Peter non lle queda outro remedio que afrontar o seu fracaso. O seu ambicioso espectáculo cheo de equilibrios e números arriscados… derrúbase.

Pero en Peor imposible hai algo máis e ese “algo máis” chámase Peter Punk. El é un pallaso gamberro, inconformista e ante todo politicamente comprometido. É isto o que lle da ao espectáculo ese “aquel” que o diferenza do resto. A través dun humor acedo e retranqueiro, Peter conecta co público dun xeito especial. A el non lle gusta ser amable, así que non busquen a un pallaso dócil e obediente. El é irreverente e desvergonzado por natureza.

Isaac Rodríguez manexa coma ninguén o seu clown, o seu pallaso. Está atento ao que pasa ao seu redor, busca continuamente a atención do público, está curtido na improvisación e todo o integra no seu xogo. Porque en realidade, este espectáculo non é mais que un xogo. Coa realidade hai que xogar e iso é o que fai Peter Punk.

Sempre que se fala de “espectáculo de rúa” a maior parte das veces pensamos nun espectáculo dirixido exclusivamente ao público infantil. Pero este non é o caso de Peor imposible. Este é un espectáculo para todos os públicos (dende “os cero anos ata a cadea perpetua”). Á vista é moi atractivo para os pequenos pero é a propia personalidade inconformista do pallaso a que fai rir aos non tan pequenos. Peter Punk enfróntase cara a cara coa realidade social e política que estamos a vivir e non dubida en arremeter contra o que faga falta.

 

Peor imposible, de Peter Punk
Elenco: Isaac Rodríguez Miranda “Peter Punk”
Direción: Walter Velázquez e Natalia “Pajarito”
Guión e idea orixinal: Walter Velázquez, Natalia “Pajarito” e Isaac Rodríguez Miranda
Deseño de escenografía: Walter Velázquez e Natalia “Pajarito”
Escenografía: Fermín Rodríguez Cabaleiro, Eva Triñanes, Marta Ortiz e Isaac Rodríguez Miranda
Arranxos de vestiario: María José Miranda Cadórniga
Son e arranxos musicais: Brais Gutiérrez
Deseño gráfico e vídeo: Fernando Lema
Produción executiva: Isaac Rodríguez Miranda e Walter Velázquez
Produción: Culturactiva S.C.G. e Isaac Rodríguez Miranda

Verán na rúa. Praza da Quintana. Santiago de Compostela. 11 de agosto, 2014

 

 

Advertisements