Go on!

Depende

| Camilo Franco |
go on

 

Imos supoñer que Galicia é así: prados para a festa do cabrito, ríos para a festa da troita, arboredas para a festa do pulpo e pinares que move o vento para ese festival incendiario de todos os veráns. Os galegos temos dereito a rirmos de Galicia, pola brava e ao vivo. Temos dereito a rirnos moito máis do que temos dereito a mirar para outro lado. Pero o humor, como calquera outra cousa, é todo máis ou menos por un igual. O que cambia é que facemos con el.

Go on! céntrase con moito ánimo nos tópicos máis populares da Galicia popular: enchentas gastronómicas e Camiño de Santiago, exploradores desorientados pola matanza ou turistas que seguen vendo o país como un territorio por domesticar excepto en consultas electorais. Todo o que xa sabemos sobre nós mesmos e que, a pesar de dar para unhas risas, segue sendo o mesmo argumentario que protagoniza ano tras ano a cartelería promocional de Galicia.

Malasombra fai humor popular incluso no mellor sentido da palabra. É certo que o popular só ten boa prensa cando se refire ao pasado. Se algo foi popular nos anos oitenta é posible que hoxe se valore moito máis do que no seu momento. Poñamos que con outra pátina. O que non está tan ben visto é o popular en tempo presente. A compañía practica o popular sen complexos e procura non perderse ningún chiste e, por veces, ten chispazos que suxiren outro camiño para a mesma historia. Que cos mesmos vimbios podería facerse outro humor. Habería que preguntar entón que pasaría cos espectadores.
Pero non hai que darlle moitas voltas, estamos aquí, somos así. Este tamén é o noso humor. E non será cousa de deixar de practicalo.

Unha parte do texto podería practicarse como unha comedia contada, reconverterse en monólogo de humor con posibilidades de éxito e mesmo pode ser despezado e reconvertido en chistes para a sesión vermú de familias con pouca conversa que se reencontran polas festas patronais. A outra parte está máis decidida a ser teatro sen abandonar o seu argumentario, pero máis disposta a demostrar que se pode facer unha road movie cómica por Galicia adiante.

Mesmo podería arrimarse a ese humor que parece propiedade exclusiva da televisión. E que tantas veces queda confundido co humor popular. Por veces déixase ir un pouco, recréase no obvio, pero está bastante por riba da media do humor sen doses das pantallas e tamén por riba da media do sentido do humor das telecomedias. Incluso sen contar os chispazos. Non é seguro que responder aos tópicos con tópicos sexa unha estratexia de humor tan acertada como a que utiliza Estados Unidos para relacionarse co resto dos países do mundo, pero tampouco nos xogamos tanto. Hai un retrato, como en todo. Pero sae cómico tirando a inmediato, aínda que non estamos obrigados a rir.

A conclusión da obra é que en Galicia somos moi do depende. Pero non estou certo de que teña razón. Igual somos máis do asegún.

 

Go on! de Malasombra
Autor: José Luís Prieto
Director: Marcos Orsi
Elenco: Xoque Carbajal e Jouse García.

Mostra de Teatro de Cariño, 20 de agosto, 2014.

Advertisements