Bye bye honey

A realidade sen redención

| Camilo Franco |

Bye

 

Hai dous xeitos de contar a historia: institucionalmente ou como é. Institucionalmente todo adquire unha pátina de transcendencia tirando a enganosa que é a que, en realidade, facilita a manobra de faltar á verdade. A historia como é ten menos verniz e pode ser que pareza perralleira porque a vida, tal cal é, ten bastante diso: desorganización e destempo. Normalmente son os institucionalistas quen acusan de falta de peso aos outros. Teñen moito ollo para iso. Bye bye honey é unha historia da vida mesma aínda que unha grande parte da poboación non teña pasado por algo similar. É pardoxal: as desgrazas e as miserias son as circunstancias que máis nos igualan. Por iso o capitalismo actúa con tanta contudencia, está a favor de concedernos a igualdade sempre que sexa por abaixo.

A montaxe de Obras Públicas opera sobre dúas certezas. A especie humana non é confiable e o rock and roll é cultura clásica. Son dous preceptos que a pesar da súa inmensa confirmación estatística non acaban de ser recoñecidos como tales e esta falta de recoñecemento parece levar a obra a un territorio no que só está en parte. Pero non é cousa dela. Bye bye honey manobra cos materiais do presente sen ambición académica pero coa intención incómoda de furgar no presente ata que queden á vista algunhas circunstancias pouco exemplares. Quedan á vista cousas desiguais e aparecen mesturadas como na vida mesma: asuntos risibles para todo o mundo menos para as vítimas, asuntos violentos nos que case todo o mundo mira cara outro lado, asuntos morais que en realidade escandalizan máis do que deberan e algunhas vellas xogadas da clase media indolente. Todo situado nunha pasarela coa música xustificada polo medio. Se a comedia non tivese a mesma fama perralleira que o rock and roll a intención da peza entenderíase mellor. Rirse con algo non quere dicir que haxe que deixar de prestarlle atención. Sempre me pareceu que era ao contrario.

No equilibrio que van mantendo as distintas partes da montaxe é no que a obra se despega da realidade. A vida (perdón pola identificación realidade-vida que sei que non) non ten os tempos tan medidos e as cancións que che ofrece nunca casan. Pero é certo que a peza non se obriga a si mesma a ser metódica no seu funcionamento nin nas transicións e deixa que o espectador xogue a estar nun concerto, un xeito de naturalidade que desafía un pouco o ritmo pero que elimina calquera asomo de corrección formal, esa medida cultural da burguesía.

Pero esta non é, como sucedía nun pasado que se quere facer pasar por clásico, unha historia contada con vocación redentora. Hai unha perspectiva de clase. Como hai en todo. Pero en realidade o importante das perspectivas de clase é cando intentan disimularse. Ou cando se negan. Esta é unha perspectiva de clase obreira: directa, sinxela, sen titubeos nin pátinas. E con rock and roll, que digan o que digan os exquisitos, os indies ou Mick Jagger segue sendo a música clásica do que queda do proletariado.

 

Bye bye honey de José Prieto
Dirección: José Prieto
Música: Carlos Mosquera Mos
Elenco: Iolanda Muíños, César Goldi, Carlos Mosquera Mos
Elenco Musical: Ramón Orencio, Chechu Mosquera, Fran Facal

Advertisements