Distancia siete minutos

O que non querías oír

| Roi Vidal Ponte |

Distancia-7-minutos_2

 

A familia. Trauma e trama da cultura contemporánea. Esa que comeza co Edipo de Sófocles, o que se arrinca os ollos porque non quere ver a súa particular traxedia familiar. Tizina apunta alto e cerca, ao establecer un paralelismo entre a aventura errática da aeronave Curiosity, enviada pola Nasa a Marte, e esa outra distancia existente entre un pai e un fillo, enviado ao fogar orixinario por culpa dunha praga de térmites no seu domicilio de solteiro. E logo están as normas: as férreas leis paternas riman coas do Estado na profesión do protagonista, encerrado nun rol de xuíz incapaz de resolver os seus propios conflitos persoais. Kafka tamén resoa ao lonxe, por ese arduo proceso de se relacionar cos países e cos pais.

Leis que son tamén as da ciencia, o progreso, a civilización. Estas lévannos moi lonxe, mesmo ata un planeta vermello inexplorado, mais por onde se vai ao amor? Cal é o sendeiro que nos leva cara ao afecto? O espectáculo fai chocar as leis co diálogo, o avance tecnolóxico co retroceso humano. Un retroceso de consecuencias catastróficas, tráxicas, ou, se se quere, desgraciadas. A xustiza buscará culpables. Pero a culpa nunca será xusta.

A relación paterno-filial inténtase en espazos reducidos, case na penumbra, grazas a unha destacada iluminación tenue e cálida que, apoiada por un ciclorama de cores enormes, dá a medida da distancia correcta para o humano. Un ton sepia, como de álbum da familia dos avós, enche toda a proposta cunha forza visual sinxela e efectiva. O elemento tecnolóxico e espacial case se pode tocar grazas ao bo uso do espazo sonoro. E un elemento sorprendente engarza os dous mundos: o encerado, o lugar das fórmulas científicas e asemade dos ditados da educación, que neste escenario serve tamén, de maneira simple e maxistral, para lle poñer sobretítulos á historia sen necesidade de ecráns nin proxeccións, senón con ese xesto de xiz tan artesanal.

A transcendencia e a tristeza están perfectamente contrapunteadas por momentos cómicos, permitíndolle aos intérpretes ensaiar con acerto todo un abano de emocións. Cunha actuación case hiperrealista, pero sen chegar a ser cinematográfica, o chamado “estilo tizina” nace en boa medida do saber facer actoral do dúo creador.

Todo sería perfecto, ou polo menos pareceríao, de non ser por certo exceso na insistencia por dar unha mensaxe clara, un punto de vista único, que ademais non é sorprendente. O conflito resólvese demasiado cedo no propio escenario, antes de que o público teña a oportunidade de opinar. A obra cae entón polas feblezas que critica. Convértese no proxenitor paternalista ao que denuncia, ao lle dicir ao espectador o que ten que pensar.

É de agradecer, con todo, que siga habendo xente interesada en contar historias e non só en facer mero entretemento. Ao xeito clásico, que é o traxicómico. Ese que che conta dun xeito ameno e divertido, nada desagradable, o que non queres oír: cousas que doen, cousas que importan.

 

 

Distancia siete minutos de Titzina Teatre
Dramaturxia e dirección: Diego Lorca e Pako Merino
Elenco: Diego Lorca e Pako Merino
Dirección Técnica: Albert Anglada
Deseño son: Jónatan Bernabéu
Deseño Escenografía: Jordi Soler i Prim
Deseño iluminación: Miguel Muñoz
Vestiario: Titzina Teatre
Producción: Titzina Teatre

Festival Internacional de Teatro de Ourense, Teatro Principal, 9 de outubro, 2014.

Advertisements