Homes bisagra

Teatro vibracional

| Afonso Becerra de Becerreá |

Homes bisagra

 

Homes bisagra semella materializar as ideas do visionario Antonin Artaud que podemos ler en Le Théâtre et son double.

A musculatura sonora, lumínica e corporal actúan nunha sinestesia non redundante, que foxe de calquera lugar común e que fornece efectos empáticos hipnóticos, dunha beleza perturbadora.

O espectáculo ábrese coa performance vocal do propio Antonin Artaud. A partir de aí as accións sonoras, a base de percusión variada e de sintetizadores electrónicos diferentes, composta e executada por Nacho Sanz e Baltasar Patiño, ambos en escena, establece conexións cunha iluminación na que destacan os cromatismos verdes e azuis celestes.

Isto, a súa vez, tamén se vincula, desde a heteroxeneidade icónica, cos obxectos de factura artesanal e artística (campá engaiolada, perniñas engaioladas, cabalete, representación dunha árbore con dous debuxos pendurados duns garabullos verticais…) e coa obxectivación e obxectualización dos corpos de Miguel Torres e Carlos Hermida.

Todo o conglomerado de accións escénicas sérvelles para re-inventar o mundo enriba do palco, para alumar unha beleza alén do histórico e do temporal que apunta directamente ás vibracións inefables do humano. Esas vibracións que só as grandes poetas da escena son capaces de congregar a través da festa ritual do teatro.

A capacidade performativa das imaxes dinámicas creadas pola coreografía, os obxectos e a iluminación, así como a capacidade performativa dos sons, explórase ata límites insospeitados e sorprendentes nestes Homes bisagra de Matarile Teatro. Hai, por tanto, unha correspondencia entre a diversidade disxuntiva e fragmentaria das accións (lumínicas, sonoras, obxectuais, corporais) e a función prometeica de crear o mundo enriba do escenario.

Os xogos de posesión e desposesión respecto ao propio corpo, por parte de Miguel Torres e Carlos Hermida, a traslación do suxeito que observa e actúa ao obxecto que é marionetizado para ser manipulado polos compañeiros, xa sexa como instrumento musical de percusión, xa sexa como material moldeable, maleable, apunta tamén cara a esa dimensión táctil e vibracional, cara a unha sensorialidade que se comunica alén do logos (lóxica, razón, historia, significado).

A coherencia e o sentido, como impulsos enerxéticos, como movementos que confirman a vida a través da sublimación estética da beleza, invaden a calquera espectador/a con disposición ao xogo.

Homes bisagra é un goce para os sentidos que se conecta coas fontes primixenias da arte escénica: o humano e a súa capacidade para construírse e deconstruírse, para inventarse e reinventarse.

Ana Vallés dirixe un espectáculo moi diferente aos anteriores espectáculos de Matarile Teatro pero que, non obstante, segue a manter esa poética refinadísima que reborda amor, humor e sabedoría.

Matarile Teatro reinvéntase en Homes bisagra. Fainos ver os sons nunca vistos e fainos ouvir as imaxes nunca ouvidas nunha experiencia fascinante e arrebatadora. E, ao mesmo tempo, semella que reinvente o teatro.

 

Foto: Natasha Lelenco

Homes bisagra de Matarile Teatro
Músicos performers e creación sonora: Baltasar Patiño e Nacho Sanz
Actuantes performers: Miguel Torres e Carlos Hermida
Iluminación e espazo escénico: Baltasar Patiño
Deseño de instrumentos: Nacho Sanz e Baltasar Patiño
Dirección: Ana Vallés e Baltasar Patiño
Produción e distribución: Manu Lago

Festival Internacional de Teatro de Ourense, Teatro Principal. 10 de outubro, 2014. Estrea.

Advertisements