Parasceve

Ritual malogrado

| Manuel Xestoso |

Parasceve

 

Escribiu Philip Roth que a Historia adoita entrar na vida das persoas como irrompe un cabalo desbocado no salón onde a familia está comendo tranquilamente: o sobresalto vai seguido de estupor e de feridas irremediables. Parasceve semella querer darlle a razón ao escritor norteamericano e relata como a guerra asalta a existencia ordinaria dunha familia, poñendo de manifesto a perversidade desta ofensiva. A morte é unha posibilidade sempre presente, pero a crueldade pertence ao ámbito do cálculo humano.

A estratexia consiste en reflectir sobre o escenario a medida humana dos problemas cotiáns dos personaxes para subliñar a inhumanidade do sismo que trae consigo o conflito armado. Este é un punto de partida interesante para unha obra que pretende deitar luz sobre unha situación áspera e dura que ten tanto que ver coa nosa memoria como coa nosa contemporaneidade. Lamentablemente, malia que a intención queda clara, o resto non funciona demasiado ben.

Hai unha estética que o fía todo á palabra e ao ritual. É un teatro construído a partir de imaxes poéticas –ata certo punto, evoca as obras de Lorca– só que o texto non ten a forza necesaria para substituír a dramaturxia. Así, o que pretende ser poesía desemboca en discursividade, nunha retórica que afoga a trama. (Aínda que intúo que o orixinal catalán podería estar moi por riba da tradución ao castelán).

O ritual, por outra banda, carece de profundidade e de beleza. A mestura do realismo e o simbolismo non acaba de estar ben articulado e produce unha posta en escena pobre, sen a vitalidade que precisaría o texto para resultar dinámico. A dureza da trama casa mal coa tentativa de transcendentalismo, que recorre permanentemente a tropos e recursos antigos e moi manidos para tentar, sen conseguilo, darlle corpo á función. Algunhas escenas –como a dos dous irmáns dialogando no seu dormitorio sobre as mozas ás que pretenden– traen situacións auténticas á escena e soan con frescura, amosando a insuficiencia do resto.

Sen poesía e sen posta en escena, o espectador debe limitarse a seguir as pouco convincentes idas e vindas dos personaxes sobre o escenario. E cando chega o punto de inflexión que debe iluminar a traxedia, xa está demasiado afastado da sorte dos personaxes: o drama non chega máis que de forma epitelial.

O público de Ourense, malia todo, aplaudiu a intención e a vontade de tocar temas que deberían interesar máis á dramaturxia contemporánea.

 

Parasceve de Blai Bonet
Dirección: Jeroni G. Obrador
Elenco: Marta Barceló, Guillem Juaneda e David Pérez Miró
Voces: Xavier Núñez e Jeroni Obrador
Música: Pep Burguera
Escenografía: Catalina Obrador
Vestiario: Inès Colom
Son e iluminación: Joan Vidal
Axudante de produción: Isabel María Galmés
Produción: TSHOCK

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal, 12 de outubro, 2014.

Advertisements