As mil vidas de Matías Houseman

Anestésicos da conciencia

| Manuel Xestoso |

matias houseman

 

A imaxinación pode ser o detonador da obra dun artista, do sistema dun filósofo, das leis dun científico e dos logros dun reformista ou dun revolucionario. Pero hai que conceder que o uso da imaxinación pode ser ben diferente se se emprega como substituto da realidade: daquela convértese nunha vía de escape que impide a toma de conciencia da situación propia e que bloquea a nosa capacidade de transformar as circunstancias. As mil vidas de Matías Houseman centra o seu discurso nun personaxe que, precisamente, pecha os ollos ante a estreiteza da súa condición refuxiándose na fantasía doutras existencias posibles.

Cabería preguntarse se estas miraxes constitúen un refuxio consolador e xusto ante as inclemencias da vida ou se, pola contra, son parte dunha estratexia de alienación cuxo propósito é neutralizar calquera iniciativa da clase traballadora para modificar a súa situación. Mais se repasamos o catálogo de ficcións ao que recorre o protagonista desta obra, decatarémonos de que hai poucas dúbidas sobre a natureza inducida deses presuntos soños: Matías cre atopar a chave da felicidade nas encarnacións dun futbolista de elite, dun político corrupto, dun millonario que despreza olimpicamente aos “fracasados”, dunha estrela de rock… Trátase dunha triste reflexión sobre os modelos de éxito que a sociedade actual ofrece como antídoto contra a infelicidade. Edmund Burke advertía de que o poder actúa coma un anestésico da conciencia: habería que engadir que a expectativa do poder actúa coma un anestésico da conciencia de clase.

A forma contemporánea desta alienación é tecnolóxica: no seu desesperado monólogo, Matías diríxese a unha cámara conectada a un ordenador, gravándose a si mesmo, probablemente coa intención de emitir o resultado. O papel asignado aos novos medios é o de masaxear o ego, crear a ilusión de que o individuo é autosuficiente, obstaculizar o contacto non mediatizado entre seres de carne e óso: ou sexa, torpedear a solidariedade. A fin de contas, a linguaxe informática esta feita de uns e ceros: ninguén sospeita do feito de que non haxa lugar nela para o dous?

Malia o desalentador das reflexións que propicia, As mil vidas de Matias Houseman mantense lonxe do discurso tremendista e do didactismo: vén en forma de comedia e ataca dende o humor, expoñendo a cara ridícula desas vidas ficticias. A interpretación de Josito Porto dá relevo ao espectáculo, resaltando a súa teatralidade nos cambios de personalidade que ten que asumir, apelando aos tics que o público recoñece e mesmo dotando dunha certa tenrura ao seu personaxe a través da comprensión que merece. Talvez a repetición de situacións cansa un pouco cara ao final, pero os setenta minutos do espectáculo non dan tempo a que os espectadores se aburran. Ao contrario, divírtense moito e entran no xogo, pensando seguramente que a obra fala dunha persoa completamente allea a eles.

 

As mil vidas de Matías Houseman de Jose Prieto
Dirección: José Prieto
Elenco: Josito Porto

Casa da Cultura do Milladoiro, Ames. 31-10-2014

Advertisements