Demolición

Minutos antes da dinamita

| Camilo Franco |

demolicion (4)b

 

Quedamos sorprendidos pola conclusións das cousas moito máis do que estudamos o proceso que levou a elas. De feito, facemos un distingo entre proceso e conclusión cando en realidade son partes dunha mesma circunstancia. Un final é un final, pero en termos analíticos os minutos finais non son necesariamente os decisivos. En realidade o final é cando xa non se pode facer nada e debe ser que nos presta esa idea do final como algo irreparable porque, polo si ou polo non, xa non estamos obrigados a actuar. O xa foi é un grande desmobilizador.

Pero minutos antes de que a dinamita ofreza o espectáculo pasan cousas. Delas é das que se ocupa Demolición. Son historias que, desde arriba, son case de a diario. Desde arriba: ese punto desde o que se escriben os titulares ou os comentarios do twitter. Ese lugar no que os estereotipos están definidos pola distancia, a forma definitiva de conservar as aparencias. A obra é argumentalmente un plano xeral que vai trasladando ao espectador desde o estereotipo ao retrato, desde a confusión da intuición ata as razóns da frustración. É un xogo de perspectivas que converte o cotián en interpretación sociolóxica. É o reflexo desas dúas Galicias que se ignoran. Unha frustrada e outra desinteresada. Unha cos remorsos de non saber se se fixo o suficiente e de se sempre fallaron os outros e outra olimpicamente colocada que, como máis perto, debe ser paralelo. Non debe ser casualidade que as dúas coincidan casualmente nun descampado, nese espazo que nin uns nin outros queren habitar se non é furtivamente: fóra da vida normal. E aí están as dúas: esperando unha demolición por motivos diferentes, calculando desde a distancia por que sucede o que sucede aló, embaixo, onde estamos nós.

Pode resultar paradoxal o xeito en que Demolición se aferra á realidade. Cóidase moito de evadirse. Mide os xestos, mide a linguaxe de cada un dos personaxes e mide o humor para que finalmente non poida ser interpretada como unha comedia. Mide as distancias entre os personaxes e a que manteñen coa realidade, para que non se vaian, para que o descampado non poida ser entendido como outro mundo, como unha pausa, para que resulte ser un miradoiro sobre a vida que nos contorna. A que nos define. O paradoxo é que canto máis reais parecen os detalles máis metafórico se volve o conxunto. Canto máis certo parece o discurso dos protagonistas, máis plausible se volve esa interpretación metafórica sobre cal é o edificio que, verdadeiramente, está en demolición.

A obra ten unha carpintería prudente, axustada para que o espectador se deixe levar polo contado e polo aludido. Non quere saír dese lugar no que manda o argumento, non quere o espectador distraído polas sorpresas ou quéreo concentrado nese espectáculo tan común como pouco valorado que son as cousas como son. Porque é fácil deixarse seducir pola dinamita, pero sempre hai unha historia en saber quen a colocou e por que. Porque os finais son pobres se non se coñecen as causas e porque como dicía alguén sen moitos estudos pero non parvo: dior nos libre dun xa foi.

 

Demolición, de Cándido Pazó
Compañía: Talía Teatro
Director: Cándido Pazó
Elenco: Artur Trillo, Toño Casais.

Galicia Escena Pro. Teatro Principal. Santiago de Compostela. 3 de novembro de 2014. 

Advertisements