Pan pan

Sen rede

| Roi Vidal Ponte |

Pan pan

 

Sen rede. É a diferenza entre o risco e a vontade. Cada vez que se crea algo novo agrandamos o tamaño da lupa. Somos tan esixentes como nolo permite a nosa condescendencia. E aplaudimos a mancheas orixinalidade e entusiasmo. O novo, que adoita presentarse sen avisar, sen que se lle vexa vir, incomoda porque busca o seu sitio e, asemade, agrada porque promete dar o que aínda non hai.

A Panadaría preséntase cun espectáculo que lembra outra fulgurante aparición, cunha parodia do western semellante á de Río Bravo de Chévere. Neste caso, décadas despois, a vontade é a mesma e o risco superior, porque a radicalidade da proposta renuncia á compracencia ao se entregar por completo ao traballo actoral. Cun escenario completamente baleiro, sen efectos sonoros e cos poucos cambios de luces que lle son estritamente necesarios á evocación dos distintos ambientes, tres actrices entran e saen dun ring de actuación marcado no chan para narrar, actuar e comentar unha historia de aventuras, un conto de machos que ignoran que non o son tanto.

Hai momentos nos que o ritmo decae e é cando máis se nota a ausencia desa rede. A aposta por renunciar a unha banda sonora pregravada ou a unha aparataxe escenográfica que axude a tapar erros ten unha dobre consecuencia: por unha banda facilita a ironía posmoderna da trama (con flashbacks, rewinds, pausas e resumos) cando as actrices fan música coa voz e crean os diferentes espazos entre os seus corpos, a imaxinación do público e unha bandeira americana; pola outra, dificulta a execución de certas escenas e entorpece o ritmo xeral da obra. É o prezo de xogar sen rede, algo que xa lle pasaba ao cine Dogma. Porque a Panadaría intenta, ante todo, romper mediante a renuncia, reivindicar o corpo como único emisor e a audacia obrígalles a manter por si propias todo o peso da función, nunha función na que un segundo arriba e abaixo pode chegar a mudar un silencio nun baleiro. E, con todo, funciona.

Logo están tamén a graza natural de Areta Bolado, de quen saen os balazos humorísticos máis hilarantes (xenial o seu cabalo negro e triste), a valentía de Ailén Kendelman na composición musical estritamente vocal e física (ademais da recoñecible personaxe da señora autóctona) e o traballo de metamorfose xestual de Noelia Fernández que, como non pode converterse en home, se converte en macho. O conxunto brilla especialmente durante as actuacións musicais, que son, paradoxalmente, os anacos nos que menos se bota en falta a banda sonora e os máis vitoreados por unha sala agradecidamente entregada.

E todo se resolve cunha sorpresa tan grande e intuída coma un spoiler, que lle dá unha viravolta ao xénero vaqueiro e abre o discurso a interpretacións case queer pouco habituais na nosa escena.

Unha viravolta fresca e radical. Un salto sen rede que promete un futuro cheo de teatro.

 

Pan Pan de A Panadaría
Compañía: A Panadaría
Elenco: Areta Bolado, Noelia Fernández, Ailén Kendelman.

Galicia Escena Pro. Fundación SGAE, Santiago de Compostela. 5-10-2014

 

Advertisements