Eurozone

A banca gaña

| Manuel Xestoso |

eurozone

 

Case dous anos despois da súa estrea, Eurozone segue amosando a súa pertinencia. Hoxe incluso podemos afirmar que o seu discurso se adiantou aos telexornais ao presentar realidades que na actualidade circulan polos medios de comunicación cunha desvergoña que xa non é quen de escandalizar: é o normal. Unha reunión de altos representantes onde a cocaína se esnifa con billetes de cincocentos euros podía ser interpretada hai pouco tempo como esaxeración, talvez como provocación; agora forma parte do imaxinario colectivo.

Eurozone acertou en escoller Reservoir Dogs como referente para representar o enorme desfalco de diñeiro público que foi parar ás mans da elite económica: iso que algúns insisten en chamar crise. Acertou, por unha banda, porque sitúa a trama nas coordenadas dunha intriga mafiosa. E acertou, por outra, porque se trata duns mafiosos máis ben chafalleiros, incapaces de controlar as consecuencias dos seus actos. Fálase duns políticos que representan o papel de gobernadores dun sistema que, non obstante, está manexado por outros, polos membros dos consellos de administración das transnacionais. Se houbese que falar destes últimos, a escolla adecuada sería sen dúbida, O padriño. Xente seria.

O casino é o lugar que simboliza a economía do novo capitalismo, un lugar onde teoricamente, existen as mesmas probabilidades de enriquecerse que de arruinarse. Os que sosteñen isto, esquecen que hai un actor que nunca perde: a moi acertadamente chamada “banca”. O local de xogo, neste caso, é Europa (ou, mellor dito, esa parte de Europa que se arroga a representatividade dos “valores occidentais”). Os dirixentes políticos aceptan o papel de testaferros do gran capital e argallan un modelo económico que lle cede o bastón de mando ao mercado; tras a catástrofe que provoca a cobiza dos poderes financeiros, aqueles dirixentes quedan atrapados entre a lóxica perversa dos mercados e a indignación dunha cidadanía despoxada dos seus dereitos máis básicos. E nese momento cando a devoción polo “proxecto europeo” desaparece das axendas. A fin de Europa? Ou a fin da chamada “Europa social”?

A montaxe de Chévere sitúase no rexistro da parodia, pero dunha parodia cuxo patrón está na liña do cabaré político alemán. Hai unha vocación analítica que vai máis aló do teatro de intervención e que propicia a reflexión sobre a identidade europea: sobre a posibilidade dunha Europa na que prevaleza o interese social dos cidadáns sobre a filosofía individualista imposta polo ánimo de lucro. E hai tamén un distanciamento brechtiano (os actores entran e saen dos seus papeis, intercámbianos, comentan a conveniencia de interpretalos dun determinado xeito) que axuda a esclarecer como o comportamento dos personaxes é indisociable do seu papel histórico.

O xogo teatral xoga a favor da intención: a vontade de representar un panfleto político non elude a responsabilidade de facer unha ampla lectura social e estética da realidade máis inmediata. E aquí dánse a man as esixencias da cultura literaria e do humor popular para crear un teatro que trate os temas que lle preocupan á sociedade á que vai dirixido. Sen dúbida é por ese motivo polo que o público se comporta en todo momento coma un cómplice.

 

Eurozone de Chévere
Dirección e dramaturxia: Xesús Ron
Elenco: Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Iván Marcos, Pepe Penabade, Arantza Villar.
Audiovisuais: Cuco Pino
Coreografía: Iván Marcos
Escrita: Manuel Cortés
Luz: Fidel Vázquez
Deseño de son e música: Xacobe Martínez Antelo
Escenografía: Javier Ballestín / Chévere

Auditorio Municipal de VIgo, 28 de novembro, 2014.

 

Advertisements