Pereza

A flor erótica da preguiza

| Afonso Becerra de Becerreá |

Pereza

 

Camiñar, nu, con coidadosa lentitude para non alterar o espello negro das augas e que se produza unha danza de reflexos.

O bailarín e o seu reflexo invertido.

A vertical pronúnciase cara abaixo no vidro líquido sen crebalo.

A luz dos panoramas superiores estámpase contra o negro da parede do fondo e en conxugación con algunha rúa de luz lateral outórgalle ao corpo de Igor Calonge un halo escultórico e, á vez, espectral.

Porén, os corpos, nesa danza de augas, invístense dunha beleza e dun erotismo oníricos. As torsións da columna e da cadeira axitan a imaxe de Beñat Urretabizkaia como un xunco na lámina acuosa.

O avance e os tránsitos abren círculos concéntricos, centrífugos, debuxa a vibración que se expande pola auga desde os pés.

Cando Igor e Beñat se tumban desaparecen os reflexos ao fundirse o espellismo cos corpos.

Os xiros na horizontal abrázaos á auga.

Desaparecen os dobres e ceden a unha danza dos corpos coa superficie líquida.

Acentúase a textura do movemento ondulante que evoluciona como unha caricia.

Pausas e silencios que nunca chegan a deter ese movemento que flúe no fondo, que resulta connatural ao elemento fundador da vida.

Igor ergue, colle polo brazo a Beñat, que permanece tombado na horizontal escintilante, e empúrrao con impulsos súpetos, sincopados, que salpican.

No espazo sonoro altérnase a música co silencio e con esoutra música producida polos pasos e zarpazos de mans e pés, brazos e pernas, tronco e cintura, na auga.

As flexións horizontais boca abaixo do dúo, subindo e baixando de xeito alterno ata bicar a auga, abren un abano de imaxes calidoscópicas e sensuais peneiradas polos sons das pingueiras que esvaran dos seus corpos.

Os momentos de collidas, como por atracción magnética, cando Igor agarra a Beñat pola roupa enchoupada, pola camiseta e o pantalón, elevándoo das augas e facéndoo flotar no aire, deriva a unha especie de pelexa ambigua entre os ronseis dos corpos que chorrean.

O dúo axústase e fúndese e parece emerxer das augas O Sereo brillante de Leiro.

A iluminación deseñada por Pedro Fresneda, tanto o reflexo dos panoramas superiores da parede do foro como as rúas laterais, torna volumétrico corpo e movemento ao mesmo tempo que lles confire unha beleza pictórica.

A atmosfera do conxunto lévanos a esa preguiza que nos volve cara ao máis fondo substrato da humanidade: recoñecer que a vida está para ser gozada e non para esgotala en esforzos laborais escravizadores que nos afastan da beleza ou nos reducen ao elo dunha cadea de produción e lucro.

Velaí o dereito á preguiza de Paul Lafargue.

Velaí a cita do dramaturgo Lessing: “Preguicemos en todo, excepto no amor, na bebida e na preguiza.”

 

Pereza da Cía. Cielo Raso (Euskadi)
Dirección: Igor Calonge
Actuación: Beñat Urretabizkaia e Igor Calonge
Iluminación: Pedro Fresneda

Teatro Ensalle de Vigo, 5 de decembro de 2014

Advertisements