Rumpelstikin o anano saltarín

Fíos de ouro

| Carla Capeáns |

Rumpelstikin

 

Con Rumpelstikin, o anano saltarín Kalina Teatro e Trompicallo poñen en escena a súa particular versión daquela historia alemá recollida polos Irmáns Grimm.
A pobreza é o tema principal sobre o que xira a versión asinada por Plamen Dipchikov. “Á riqueza material correspóndelle unha miseria intelectual e os que menos posúen gozan dunha riqueza espiritual”.

Un vello muiñeiro ve como a pobreza asolaga a un pobo cheo de labregos que deben pagarlle ao Rei os impostos decretados. Un día, o muiñeiro topa cun mozo nobre ao que lle conta a fabulosa habilidade da súa filla Esperanza: “fiar de calquera herba seca, un fío de ouro”. A nova chega a ouvidos do Rei, quen lle encarga unha tarefa: converter toda a palla do Reino en ouro. Pero Esperanza supera a proba coa axuda dun anano saltarín a cambio de desexos monstruosos. O Rei abdica e a filla do muiñeiro casa co novo Rei. Un día, o anano saltarín reaparece na vida da Raíña Esperanza co fin de cobrar a súa débeda e esíxelle que lle entregue ao seu fillo. Finalmente fan un trato: o anano saltarín dálle tres días para reflexionar e adiviñar cal é o seu verdadeiro nome. Se non o consegue, o anano quedará co meniño da raíña.

Neste espectáculo empréganse diferentes linguaxes teatrais: traballo de actor, obxectos, marionetas e sombras. Todo xira en torno á idea do fío como representación da vida, e son os actores os que enfían as vidas dos personaxes.

Pese á sinxeleza da historia, a forma de contar ensarilla o fío argumental e tórnaa, en ocasións, incomprensible para os máis pequenos. A cada unha das escena precédelle unha presentación de personaxes viva e rítmica que esperta a atencións dos pequenos. Máis cando se entra de cheo na propia escena o ritmo decae por completo. Da lentitude contáxianse os personaxes que semellan non ter vida.

Abúsase en demasía do perfil das marionetas e perdemos a súa expresión frontal. Recupérase o ritmo cando aparece en escena o anano Rumpelstikin. Este si parece ter vida, traballa os diferentes planos e non vemos ao actor que o manexa. Aínda así, non é sinxelo entender ao tal Rumpelstikin porque o actor que lle da vida ten dificultades para falar galego e intercala parlamentos en castelán que rompen coa maxia creada.

Rumpelstikin, o anano saltarín, de Kalina Teatro & Trompicallo
Elenco: Plamen Dipchikov, Marián González e Luís González
Autoría e dirección: Plamen Dipchikov
Escenografía, vestiario e marionetas: Ani Petrova
Fotografía: Santi Vila

Auditorio A Banca. Santiago de Compostela. 14 de decembro de 2014

Advertisements