El nombre de la rosa

Unha rosa é unha rosa

| Roi Vidal Ponte |

elnombredelarosa

 

Cando Umberto Eco quixo escribir unha novela que lle gustase tanto á crítica como ao público adoptou técnicas tipicamente posmodernas: pastiche de homenaxes e outras intertextualidades sen renunciar a unha erudición neoclásica que situase o libro nunha especie de limbo entre o popular e o culto. Nin de masas nin de elites, O nome da rosa pasou á historia como exemplo do que os integrados podían facerlle a un mundo apocalíptico. Despois, a industria cinematográfica, voraz como poucas, fixo a súa versión do libro. E o experimento fixo ‘pop!’.

Semella que a intención desta primeira adaptación teatral do famoso best-seller oculta moitas das súas intencións. É unha teatralización do libro ou da película? Certas pistas confunden a resposta.

a) Todo na posta en escena apunta cara ao formato audiovisual. O afán rítmico, acompasado por unha banda sonora maxestosamente épica, contribúe a xerar un suspense máis sensitivo ca intelectual. Porque xa se sabe que un travelling pode dicir moito máis ca un revelador diálogo.

b) O uso da escenografía (non) crea unha sensación de espectacularidade. É destacable o deseño: un xigantesco libro do que agroma o mundo, un mamotreto en constante movemento que intenta evocar as diferentes estancias da abadía na que ten lugar a acción. Con todo, o máis interesante é o movemento en si mesmo, xa que a maioría de escenas poderían terse dado sen eses repetitivos e aparatosos cambios de decorado que en realidade nada cambian.

c) A interpretación pretende crear a sensación de que visualizamos un filme. Os actores parecen escollidos pola súa capacidade vocal e polo seu impacto visual. O protagonista (Juan Fernández) ten un parecido sospeitoso a Sean Connery e non é o que realiza a actuación máis orgánica, aínda que o protocolo lle regale a maioría dos aplausos.

d) Nun conxunto tan convencionalmente fílmico, no que abunda o clixé comercialote, destacan as interpretacións máis teatrais: o Salvatore quasimódico feito por un esforzado Cipri Lodosa, cun traballo xestual e vocal mediante o que acada unha metamorfose equilibrada, e o Umbertino da Casale que nos brinda José Mari Asín, cuxa presenza ilumina todo o conxunto coa forza dunha actuación verdadeiramente inspirada.

O certo é que aínda coa mesma intención é posible facer un produto máis sólido: a adaptación que fixo Xulio Lago d’As actas escuras de Vidal Bolaño, un texto cun pé no libro de Eco e outro nos trhillers de Hollywood, pretendía crear (e non imitar) sensacións cinematográficas con ferramentas teatrais. A escenografía era igual de crucial pero si recreaba a maxia do movemento e a aventura.

Ou sexa, e parafraseando a Johan Cruyff: teatro é teatro. Porque hai que saber contra quen competir, de que referente depender (os semióticos chámanlle heteronomía), ou de se tería sido mellor independizarse. Que ao final sempre está a posibilidade (é que existe outra que non sexa esa?) de que o público saia debatendo que está mellor: o libro ou a película. Un misterio que non desexabamos resolver.

 

El nombre de la rosa de Umberto Eco
Dirección: Garbi Losada
Adaptación: Garbi Losada / Jose Antonio Vitoria
Elenco: Juan Fernández, Guillermo Barrientos, Miguel Munárriz, José Mari Asín, Pedro A. Penco, Javier Merino, Kandido Uranga, David Gutiérrez, César Novalgos, Jorge Mazo, Inma Pedrosa, Cipri Lodosa.
Iluminación: Xavi Lozano
Música orixinal: Javier Asín
Escenografía: Marcos Tomás
Vestiario: Tytti Thusberg
Produción: Ados Teatroa / Tres Tristes Tigres / La Nave Producciones / Al Revés Producciones

Auditorio Abanca, Santiago de Compostela. 24 de xaneiro de 2015.

Advertisements