Romeo

Giuletta retuiteada

| Camilo Franco |

Romeo

 

Os románticos, cando os había, fixeron un monumento disto: do amor ausente. Algo diso pasou á música lixeira e desde aí permanece colgando na cultura popular. En boa parte da cultural popular o amor é o contrario dos cartos, pero en realidade, o amor e os cartos compórtanse do mesmo xeito: son máis importantes cando non están.

No Romeo de Teatro Meridional Giulietta non está. Non está de corpo presente. Está aludida, mencionada, retuiteada, son outros os que citan as súas frases e esas personaxes interpostas son todas homes. Homes nesa fronteira que cada vez se estira máis entre o final da adolescencia e unha madurez que, como sabemos agora, nunca acaba de chegar. Esta é a segunda vez que Meridional reduce o elenco da traxedia a tres montescos masculinos. Non é, en realidade, unha ocultación da voz feminina, que está aí aínda que sexa entre paréntese. É un cambio de foco cara o sentido menos tráxico da obra. Un cambio de foco que, de fondo, pretende facer contraste: canto máis viva é a vida, máis tráxica resultará a morte. A montaxe esfórzase moito na primeira parte. Meter moita vida nos personaxes: moita enerxía, moita alegría, inxenuidade, resposta inmediata e todas esas cousas que unha xuventude san, ben alimentada e algo ociosa pode facer. Tamén todas esas cousas que pode ignorar. A obra esfórzase e o que consegue e trasladar a antesala da traxedia a un espazo cómico. Rómeo é serio (ou quizais está namorado, e sabemos que esta é unha condición alienante), os seus dos compañeiros, Mercutio e Benvolio, son dous cómicos complementarios: un é rápido, outro é lento. Un comportamento que vale para os dous frades que participan dese plan de consecuencias mortais. A montaxe rodea o amor con comedia, pero chega demasiada risa aos arredores da cripta e o desenlace tráxico pasa dos feitos ás palabras. Queda a distancia. Está contado, como está contada Giuletta. Podería ser unha advertencia ou un consello. Hai que rodear as traxedias de humor. Unha cauterización. Non é seguro.

Meridional transforma a obra, pero non quere distanciarse. O xogo é máis que o espectador intente ver o mesmo desde outro punto de vista. Que consiga atravesar a obra polo atallo dos personaxes, pero nese camiño con algo de túnel hai algo que se perde. Hai unha falta ou un desequilibrio sobre se, de verdade, é unha traxedia o que hai ao final de toda comedia mal calculada. Hai unha dúbida sobre cal é a dimensión da traxedia. Sobre se as cousas que pode saír mal, sairán mal. Sobre se este Romeo é consciente da traxedia que protagoniza. Hai unha ausencia, pero non é Giuletta.

 

Romeo, de Teatro Meridional
Autor: William Shakespeare
Tradución e adaptación: Julio Salvatierra
Dirección: Álvaro Lavín
Elenco: Alex Barahona, Bernabé Fernández, Javier Hernández
Iluminación: Julio Salvatierra.

Mostra de Teatro Clásico de Lugo. Auditorio Gustavo Freire, 24 de xaneiro 2015.

Advertisements