Kassa

Xira o mundo xira

| Carla Capeáns |

kassa

 

Elefante Elegante chega a Compostela coa súa Kassa, un espectáculo de teatro visual que xira en torno ao drama da vivenda e dos desafiuzamentos. Pese ao dramatismo que evoca a propia historia, a compañía Elefante Elegante opta por temperar toda esa crueldade con culleradas de humor e un certo toque pop.

Fieis ao seu facer, seguen a traballar no eido do teatro xestual, desta vez conxugado coa música, a escenografía, a danza e a videocreación. Aquí a penas hai palabras. Si algúns monosílabos ou imperativos que guían a interacción entre os personaxes e algunha breve intervención textual a modo de monólogo ou cantar. Estamos ante unha linguaxe con infinitas posibilidades, unha linguaxe clara e directa que procura a universalidade. Porque o uso da palabra non o é todo. Os sons, a música e os elementos escenográficos transmiten e comunican porque tamén forman parte da historia. Todo aquí parece cobrar vida. A música baña todo o espectáculo, guía aos actores e bailaríns no seu movemento, evoluciona e involuciona como tamén o fan os personaxes desta historia.

Alén do traballo corporal a verdadeira protagonista é a gran casa de madeira que enche o escenario e que xira sobre si mesma, achegando dinamismo e movemento á acción. Os personaxes xogan coa estrutura, soben ao tellado e interactúan coa casa. Créanse diferentes niveis e espazos de traballo, feito que lles permite modular e xogar co ritmo das diferentes escenas. A casa é un personaxe máis da historia.

O outro punto forte deste espectáculo son as imaxes poéticas que visten a acción dramática. Imaxes xustificadas, ben tratadas, ben construídas, que responden a un porqué. Imaxes dotadas dunha beleza especial, tratadas con moito agarimo e colorido.
Así mesmo, a danza e os movementos coreografiados serven como fío condutor desta historia que toma como punto de partida a Kafka e á súa metamorfose. Os corpos do bailaríns flúen e voan cunha particular sensibilidade deixando ben agachadiños os tecnicismos.

Por outra banda, o uso de técnicas como o video-maping ou o live cinema outórganlle ao espectáculo un elemento diferenciador. A videocreación introdúcese no espectáculo nos momentos máis oportunos, ben sexa para salientar unha determinada acción ou para darlle un xiro inesperado á historia.

Dende un punto de vista máis técnico, percibíanse pequenos erros coreográficos en determinadas escenas colectivas de gran dificultade (aos que sempre se está exposto cando un traballa este tipo de teatro) e en ocasións era complicado para o espectador entender a letra das cancións, quizais por problemas de volume coa música.

En definitiva, Kassa é un espectáculo que pide moita implicación e compromiso por parte dos actores. Elefante Elegante arriscouse a crear, a facer algo moi seu pero ao mesmo tempo universal.

 

Kassa, de Elefante Elegante
Autoría: María Torres e Gonçalo Guerreiro
Dirección: María Torres e Gonçalo Guerreiro
Elenco: Fredi Muíño, Marta Alonso Tejada, María Torres, Gonçalo Guerreiro e Javier Pérez Piñón
Escenografía: Carolo Losada Soto
Carpintería e tremoia: Javier Pérez Piñón
Iluminación e videocreación: Dani Pais
Dirección de movemento: Fredi Muíño
Coreografía: Ánxela Blanco
Vestiario: Marcia Edledtsch
Deseño interior: Susana Castro
Produción: Iria Pinheiro

Salón Teatro. Santiago de Compostela. 31 de xaneiro de 2015

Advertisements