Pequenas certezas

Imaxinando ausencias

| Roi Vidal Ponte |

pequenascertezas

 

Todo é unha viaxe cara a luz: a vida das persoas e a da especie humana, a loitaren arreo, desde o ventre da nai, desde as ilusións da caverna, por entender en que consiste o mundo. A dramaturxia da mexicana Bárbara Colio, na que os comezos resultan tan abruptos coma os seus finais abertos, procura entender a vida experimentando con personaxes en situacións cotiás e o resultado é un realismo radical que, moito antes de que Richard Linklater mudase a historia do cinema ofrecendo a narrativa inexistente de Boyhood, apunta a eses pequenos momentos como os únicos que deixan á vida explicarse de seu.

Sarabela arrisca ao apostar por este tipo de realismo. Só Fernando Dacosta, nos momentos nos que consegue calmar o seu nervio, e sobre todo Nate Borrajo, cunha actuación sinxela e nada histriónica, se salvan dentro dun elenco con dificultades para asentarse nun estilo ao que semella non estar acostumado.

Con todo, Ánxeles Cuña, cunha posta en escena precisa e suxestiva, construída segundo a lóxica do desvelamento, ofrece unha interesante visión do esixente texto de Colio. Na escena central da peza, unha personaxe explica que a fotografía é unha maneira de constatar a existencia. As fotos son esas pequenas certezas que necesitamos para saber que houbo un pasado no que tivemos unha vida. En consonancia con esa lectura lírica da fotografía como símbolo do esforzo por apreixar o tempo, a peza desenvólvese como unha homenaxe ao proceso analóxico do revelado: desde a escuridade até a luz, desde o borroso até o definido.

Iniciamos a aventura sen saber por onde nin por que. Como se quixese remarcar esa confusión inicial, a escenografía (creada a partir duns paneis cuxo formato cadrado evoca ao das fotos) comeza simulando unha desorde, un solapamento de capas, que se vai organizando conforme a trama se clarifica.

O uso intelixente de imaxes proxectadas resulta evocador, ao responder á confusión buscada: un recordo dos fantasmas que non están, das ausencias que nos aterrorizan. Unha boa maneira de facer palpable a presenza dese grande personaxe ausente que é Mario e arredor de cuxa desaparición aletexan os seus múltiples e inesperados familiares.

A música exemplifica de xeito transparente esta poética do revelado. Presente en cada cambio de escena, asistimos a unha colección de sintonías de carácter experimental que non buscan outra sensación máis que a estrañeza. Contra a segunda metade do argumento, cando o espazo se encadra en si mesmo e a situación se aclara, cando os cambios de decorado adoptan un estilo máis físico e visual, a música acompáñaos con ritmos cada vez máis aceptables, melodías cada vez máis recoñecibles e emocións cada vez máis agradables, para que todo acabe estoupando nese marabilloso himno á vida que é a canción Todo cambia de Mercedes Sosa, non por casualidade á única escolla musical con letra: unha mensaxe final que pecha o círculo co correspondente apagón que nos devolve á escuridade, o lugar de onde nunca acabaramos de saír.

 

Pequenas certezas de Barbara Colio
Compañía: Sarabela Teatro
Dirección: Ánxeles Cuña
Elenco: Nate Borrajo, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo.
Escenografía: Suso Montero
Iluminación: Baltasar Patiño
Vestiario: Marta Anta

Auditorio Municipal de Ourense. 31 de xaneiro de 2015.

Advertisements