Bobas e galegas

Deconstrución de tópicos

| Manuel Xestoso |

bobasegalegas

 

É moi significativo que unha obra que vai tratar sobre o trato recibido polos galegos nos textos dos autores do século de ouro español comece como unha versión de Esperando a Godot: dous segadores galegos que foran traballar a Castela debían ter unha percepción do que lles estaba a ocorrer moi semellante á de Vladimir e Estragón, os dous personaxes de Beckett. Nesta liña, a crítica á figura do “galego” no teatro clásico que nos presentan Mofa e Befa neste Bobas e galegas non deixa de ter matices que permiten ver as cousas dun xeito máis poliédrico.

Sobre o escenario está esa lectura rudimentaria que identifica ao galego cun ser submiso e case infrahumano que só serve para realizar os traballos máis duros: unha visión que, lendo a prensa destes días, non semella ter cambiado moito dende o século XVII. Pero tamén existe esoutra lectura que nos achega a unha clase traballadora extremadamente espelida para facer unha lectura rápida da situación na que debe desenvolverse e actuar en consecuencia.

Observando o xogo teatral das comedias da época, o espectador comprende que ese “gracioso” carente dos requintamentos do seu amo é, en realidade, o que guía a acción e manipula as vontades en beneficio propio. Non altera a escala de privilexios, pero sitúase nela na posición máis favorable que pode, actuando ás veces en detrimento dos intereses do seus patróns e obtendo habelenciosamente o beneplácito destes. Hai aí unha reivindicación de igualdade, un recendo a loita de clases de baixa intensidade, que propicia unha outra mirada sobre eses deostados criados.

Bobas e galegas consegue amosarnos ese lado do teatro barroco só de xeito parcial, xa que de seguido se desvía cara a outros argumentos que teñen máis relación coa mecánica da escena daquela época: ese exame dos comediantes sobre si mesmos abrangue dende a parodia dos clásicos ata a súa reivindicación por vías indirectas. Por este outro camiño, o espectáculo ofrece un hilarante recital didáctico que ten o seu precedente nas anteriores montaxes Shakespeare para ignorantes e Románticos, coas que comparte o mérito de conquistar un humor xenuinamente popular a partir de materiais da alta cultura. E sempre cun crítico duplo sentido que respecta, dende a súa ambigüidade, a intelixencia do público.

En realidade, a obra debe entenderse coma un espello pedagóxico das obras que comenta, só que o público ao que está destinado non é tanto o de aquí coma o de fóra. Existe o prurito de deconstruír uns tópicos que probablemente están máis presentes no imaxinario colectivo do resto da península que no dos galegos e iso lastra, por momentos, a súa efectividade.

Non obstante, o público acepta de inmediato o recoñecible rexistro da compañía e apoia a súa adhesión na case inesgotable panoplia de recursos de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira que, case clandestinamente, converten a función nunha auténtica celebración da arte dos comediantes.

 

Bobas e galegas de Quico Cadaval, baseado en textos de Calderón, Lope, Benavente e Zamora
Dirección: Quico Cadaval
Elenco: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
Escenografía e Iluminación: Baltasar Patiño
Asesor de Verso: Jesús Aladrén
Fotografía e Deseño Gráfico: Marcelino de Santiago, “Kukas”
Produción: Rubén G. Pedrero

Teatro Principal, Santiago de Compostela. 4 de febreiro de 2015.

Advertisements