Las calles corrían por las calles

Un grito dulcificado

| Afonso Becerra de Becerreá |

Ensalle-calles

 

Teatro Ensalle de Vigo dulcifica o seu xesto de resistencia e a súa apoloxía da marxe na súa última creación titulada Las calles corrían por las calles, que acaba de estrear.

A acción verbal, a palabra, non centraliza o sentido do espectáculo e mantén un lúdico equilibrio respecto á acción xestual e coreográfica.

A fragmentariedade posdramática dos cadros ou secuencias relaciónanse por un contraste nas accións escénicas: Momentos nos que un monólogo, en primeira persoa, se reparte entre as dúas actrices e o actor portavoces. Aí o efecto da palabra é coral, coas inflexións reflexivas e metafóricas que caracterizan os textos de Pedro Fresneda. Momentos de música cañeira e danza disímil. Momentos de quietude onde toma corpo o estaren xuntos, sinxelamente estar xuntos, sentados un ao lado do outro, María Costa, Artús Rei e Raquel Hernández, mentres soa o crepitar do lume e a sombra dunha póla, que pendura á dereita do escenario, se proxecta sobre a parede do fondo. Momentos nos que a coreografía ten un recendo a danza Butho que comeza nas mans e se expande aos brazos e ao tronco, mentres Artús nos conta fragmentos de historias de mulleres que aman en situacións precarias, entre ruinas, percorrendo quince quilómetros para cargar vintecinco litros de auga sobre a cabeza… “Y yo no tengo ni puta idea de lo que es el amor.”

Raquel repite esas historias exemplares pero a palabra crébase e non sae. O texto reaparece feito pedazos. E soa “El cant dels ocells” de Pau Casals, e segue a coreografía e os anacos de texto: “Una mujer recorre… Una mujer recorre… joder si ama… para cargar veinticinco litros de agua… mírala a los ojos… joder si ama… Una mujer recorre quince quilómetros… joder si ama…”

A area branca sobre o linóleo negro vai debuxando os percorridos e as pegadas difusas. Artús regálanos unha imaxe expresionista, coa camiseta tapándolle a cara a modo de máscara na que se imprime a súa mímica facial, a boca aberta, o ricto que se contrae, segmentando o movemento nunha danza de mans, brazos e torso.

Raquel colle un pau de micro sen micro e un atril e lenos un texto desaforada e veloz: “Estamos aquí construyendo un recuerdo. Mañana lo repetimos…” Artús transforma a imaxe expresionista nun boneco que ironiza sobre o texto de Raquel e ela mesma xógao, desde esa mesma distancia, para abrir unha ventá ao humor e incluso á comicidade.

María pendura fotos e unha casiña e logo ponse a tocar un piano vermello anano, como de xoguete. Raquel alenta nun micrófono de man e soan as ondas do mar, despois o micro estámpase contra o chan con estrondo e Raquel inicia unha coreografía na que repite uns pasos entre arrastrar e golpear o micrófono, de maneira simultánea ao monólogo de Artús sobre a cativa e a flor. Unha paisaxe que nos leva a lugares dunha infancia perdida, das flores que murcharon.

“Le temps perdu” é unha frase e unha canción en francés. É un carreiro de pedriñas negras sobre a area branca, dispostas por Raquel, é a danza de María coa botella e a copa de viño, é a presenza fulgurante de Artús.

“Una vida construida sobre briznas y de la que solo van a quedar briznas”.

Unha mestura de melancolía, un grito dulcificado, unha apoloxía da marxe onde agroma a poesía e onde a insubmisión créase desde a entrega total de Raquel, Artús e María, dándoo todo sobre o palco.

 

Las calles corrían por las calles de Pedro Fresneda
Dirección: Pedro Fresneda
Elenco: Artús Rei, Raquel Hernández e María Costa
Iluminación: Pedro Fresneda
Produción: Teatro Ensalle de Vigo
Teatro Ensalle de Vigo. Estrea. 5 de marzo de 2015

Advertisements