Paus e pétalas

Eloxio do amor

| Manuel Xestoso |

Paus_e_Petalas

O filósofo Alain Badiou considera o amor un “proceso de verdade” que nos ensina a experimentar o mundo dende a diferencia. Trátase daquela dun inicio de revolución, da instauración dunha pequena república de dous que serve para probar o falsa que resulta a mensaxe –sospeitosamente repetida– de que o “natural” é que cada un persiga exclusivamente o seu propio interese. Mais Badiou tamén advirte de que ese proceso de verdade vai máis alá da éxtase do encontro inicial, e que se materializa na duración, na construción ao longo do tempo dun proxecto común non exento de dificultades e violencias.

Paus e pétalas (o título xa é suficientemente explícito) transita por ese réxime de contradicións que acompaña a cimentación da vida en común. Se a danza é movemento, ningunha outra disciplina semella máis axeitada para revelar o continuo desenvolvemento no diálogo entre as persoas, entre os corpos. A fraxilidade dos equilibrios, que deben ser permanentemente recompostos, ten que ser combatida coa insistente reinstalación das posturas, coa busca dunha complementariedade que permita o apoio mutuo e a harmonización de intereses.

A compañía Circolando parte dunha narrativa sinxela –e, non obstante, ateigada de suxestións que enriquecen a lectura da obra– a partir da cal desprega uns argumentos coreográficos que oscilan entre a gravidade e o conversacional, entre o catastrófico e a tenrura. Apoiados nunha excelente banda sonora, os protagonistas desta fábula reinician constantemente o diálogo sen renunciar a solos agónicos nos que se visualiza o conflito entre identidade e diferencia, entre o individual e o social.

Porque por aí asoma tamén o político: se a relación entre dous pode funcionar, deberiamos pensar en ampliar o espectro cara ao colectivo. Unha escenografía de estética povera que remite ao comezo –ou quizais ao final– da humanidade, lémbranos a devastación do espazo social no que os individuos deben edificar os lazos que os unen. Hai certos toques expresionistas que axudan a comprender a obra dende esta perspectiva, sen que en ningún momento se perdan de vista os dramas individuais que compoñen o retrato de grupo.

Por momentos, a longa duración da peza pasa factura e a tensión se relaxa en exceso: algunhas repeticións de situacións permiten o lucimento dos bailaríns, pero non engaden nada novo. Nesas escenas pérdese intensidade emocional, aínda que a calidade técnica dos intérpretes logra salvar a papeleta.

Hai sorpresas que captan a benevolencia e o agarimo do público mais non hai compracencia nunha función que exhibe cunha inclemente beleza o áspero traballo que esixe a loita contra o egoísmo, o inicio do diálogo. O simbolismo a corazón aberto deste espectáculo serve de eixo a esta idea e extrae de cada escena as consecuencias ingratas e felices desta batalla.

 

Paus e pétalas de Circolando
Dirección: André Braga e Cláudia Figueiredo
Elenco: André Braga e África Martínez coa participación especial de: Luis Braga e Ana Magali Martinez
Deseño iluminación: Francisco Tavares Teles

Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. Auditorio Municipal. 12 de marzo de 2015.

Advertisements