El agitador Vórtex

Cine de andar polo teatro

| Camilo Franco |

Captura de pantalla 2015-03-18 a las 17.42.51

Non hai narración sen trampa. Podemos chamarlle oficio, saber, inspiración ou profesionalismo. Todo ten o seu método, todo método marca estilo e, sobre todo, todo método é violentable. Cristina Blanco violenta os métodos do cine (ou do audiovisual por ser inclusivos) pola vía da parodia. Pola vía do feito a man. Dando espectáculo por comparación entre o que se ve que fai e o que se ve na pantalla. Hai unha distancia e esa distancia pode ser considerada un xénero. Antes era considerada maxia. É a prosa dos tempos que vai cambiando.

Cristina Blanco busca refuxio nun xénero para desenvolver toda esa construcción perralleira do discurso. Antes da posmodernidade, antes da crise (xa non lembro se foi todo ao mesmo tempo, se hai unha relación causa-efecto entre elas) os discursos sobre a construcción tiñan base de cemento. Logo, ante o encarecemento do material e a sía burbulla, a construcción pasou a ser un asunto de discurso, narrativo as máis das veces, social, etc. Un non parar sobre as trampas que a narrativa visual emprega para ir levándonos a ese espazo no que a aceptación é o primeiro requisito. Falouse moito da publicidade, dos informativos e do cine, pero creo que na construcción literaria tamén hai edificios erguidos con ese propósito. Quizais o propósito de Agitador Vórtex non sexa desmontar a candidez de algúns xéneros, nin emular os vellos trucos de películas que cando foron estreadas metían medo e agora dan algo entre a risa e a tenrura. Podería valer para advertir ata que punto un discurso audiovisual ten manganchas e canto desas trampas está alimentado directamente pola inxenuidade do papel de espectador. Pode ser todo iso e tamén pode ser unha desmostración de ata que punto hai que andar espilido para facer algúns traballos. Tamén pode ser unha práctica sobre como integrar os procedementos audiovisuais nos escénicos.

Podería ser todas estas cousas, pero tamén é unha peza considerablemente teatral. De feito, no que vai sucedendo poderíamos considerar a realización desa película como algo accesorio e percibir o papel da actriz como o que é: un personaxe atribulado no seu paródico conflicto. Un personaxe que, por veces, finxe saírse e ter trato directo co espectador. Xusto aí é cando hai máis teatro. Pero tamén é comedia esa actuación e non fai falta poñerse a discutir sobre cine e teatro ou sobre onde comeza un e acaba o outro porque, con ou sen efectos especiais, non hai nada máis cinematográfico que o teatro.

 

El agitador Vórtex, de Cristina Blanco
Idea y realización: Cristina Blanco.
Música: Cristina Blanco con la colaboración de Javi Álvarez y Rubén Ramos.
Ayudantes de dirección: Anto Rodríguez y Óscar Bueno.
Logística, atrezzo y diseño de espacio: Anto Rodríguez y Óscar Bueno.
Diseño gráfico: Roger Adam y Momo Hagerman.
Aportaciones agitadas: Aimar Pérez Galí y Javi Álvarez.
Producción ejecutiva: Mónica Pérez y Cristina Blanco.
Una producción de Antes y Cristina Blanco. Coproducción: TNT-Terrassa Noves Tendències escèniques/CAET, Mercat de les Flors/El Graner y La Casa Encendida.

Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. MARCO. 15 de marzo de 2015.

Advertisements