O furancho

Do que se come se cría

| Manuel Xestoso |

oFurancho_3

Os restaurantes adoitan estar na beira das autoestradas e das vías importantes; os furanchos, en estradas secundarias e pistas sen asfaltar. Os restaurantes saen nas revistas ilustradas, e nomeados críticos gastronómicos glosan as súas creacións culinarias; os furanchos deben conformarse co boca a boca, coa recomendación dun veciño ou cos ruxe-ruxes que indican onde se pode beber un viño decente. Nos restaurantes comen as clases dominantes, que non por dominantes teñen mellor gusto; nos furanchos aliméntanse as outras clases, as que non dominan nada pero saben cando o xamón está en comida e distinguen o viño da purrela.

Ibuprofeno teatro parte da convicción de que, se o teatro fose materia comestible, o teatro galego serviríase en furanchos e iso, depende de como se mire, pode ser un impeitizo ou unha oportunidade. Mais, como en todo, o contexto xoga as súas cartas e, ao final, resulta que as revistas ilustradas editadas para as clases dominantes tamén as len as outras clases, as que non dominan nin sequera o seu tempo libre. E claro, de tanto ler a crítica gastronómica escrita para as clases dominantes, acabamos crendo que a purrela servida en copas de cristal fino ten máis valor que un tinto do país ben cultivado.

Os primeiros damnificados son os traballadores, que abocados a se converter en empresarios –que diga, emprendedores– poden acabar entregados a actividades tan absurdas como elaborar centros florais con follas de bacallau: todo en aras da competencia. Mais tamén os comensais rematan por ver diminuída a oferta nas cartas de menú e é ben sabido que unha dieta pouco variada ten as máis perniciosas consecuencias para a saúde.

A metáfora gastronómica dá para hora e media de espectáculo en que a pobreza cultural (ou culinaria) a que se vén sometendo ao país cocíñase mesturando moito humor e un chorro de mala baba. O furancho é un local onde os pratos, coma a vinganza, se serven fríos e onde un cartel indica en letras grandes que o cliente non sempre ten a razón. De feito, hai un monólogo acusador que se dirixe ao cliente –ao espectador– e que debería ser materia de reflexión obrigada para todo aquel que teña alma de gourmet: é o gusto unha potencia da alma ou un hábito adquirido?

Máis alá de cuestións metafísicas, este é un panfleto en clave interna (a súa orixe está nun texto escrito por Cortegoso para a entrega dos premios María Casares) que, non obstante, trata cuestións que afectan a toda a sociedade. E trátaas sen caer na obviedade nin no corporativismo, apuntando aos nexos que unen os problemas laborais dun sector profesional con preocupacións de máis altura sobre que camiños elixe esa sociedade para definirse. Preferimos as crêpes ou as filloas? Ou entregarémonos sen miramentos ao imperio da hamburguesa barata? A opción que escollamos ten unha importancia fundamental para o futuro dos nosos aparellos dixestivos. E xa sabemos que non se debe tragar con todo.

 

O furancho de Santiago Cortegoso
Compañía: Ibuprofeno Teatro
Dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Marián Bañobre e Isabel Risco
Iluminación: Salvador del Río
Movimiento escénico: Carmela Bueno

Estrea no Auditorio Municipal de Cangas. 27 de febreiro de 2015.

Advertisements