Gala dos XIX Premios María Casares

Vintage Modern

| Roi Vidal Ponte |

Gala

Foto: Corsino

 

Que bonito é todo o que se cubriu co po do tempo, coa pátina dos anos que pasaron mentres non escampaba.

Elefante Elegante, compañía anfitrioa e condutora da gala de entrega dos Premios María Casares 2015, ofreceron unha festa artellada coa nostalxia do que xa está ancorado no inconsciente colectivo como fermoso, pero que en realidade nunca foi pensado para causar ningún tipo de conmoción estética. Esas grandes maletas vellas de cando a xente emigraba. Os traxes construídos co ton sepia do pasado. A música tradicional da cultura paneuropea. Todo brilla nesta festa do teatro galego, nesta celebración da arte do saltimbanqui elaborada con mimo, danza, sorrisos, corpos portentosos e teatro visual.

Todo empeza bonito pero logo aparecen os monstros. A inxenuidade celebraticia agocha unha realidade algo máis sucia. Se o marrón é a cor da pobreza, a maleta non é o símbolo do turismo, senón a icona dunha eterna emigración. Como metendo polo baixiño unha mensaxe dura e certa, a compañía exalta o multiculturalismo cando unha cultura está a ser exterminada e baila cos ritmos étnicos dos pobos nómades. A alegría e o aplauso, a solemnidade e a acrobacia, son a pel (fermosa pel, superficial epiderme) coa que a gala se nos amosa. É a festa do teatro. Hai músicos en directo (Kibitka). Un ceo estrelado de lámpadas desas que xa está prohibido fabricar chove desde a tremoia (Suso Montero). Pero os malabarismos e equilibrios dos intérpretes (Gonçalo Guerreiro, Iria Pinheiro, Ánxela Blanco, María Torres e Pablo Sánchez) dinos algo a quen queiramos lelo por debaixo.

O monólogo da prostituta danos moitas pistas desta intelixente poética da reivindicación da tristeza mediante a asunción da alegría (ou viceversa). Dona dunha simpatía fluída e dunha retranca verdadeiramente enxeñosa, a actriz Iria Piñeiro protagoniza un dos mellores momentos do apartado teatral da gala. Aparece polo patio de butacas co batín profesional e augúranos que todos acabaremos coma ela. Todo ten unha segunda lectura. Imos rir precisamente para non chorar.

As constantes e adecuadas críticas e protestas das premiadas e premiados confirman esta impresión. Queixámonos, pero seguimos adiante. E se seguimos que sexa pasándoo ben, aínda que se pase mal.

E aínda podemos percibir na estética creada, nese mundo retro que nos transporta a unha época intersecular, os camiños do cambio, as mudanzas que a debacle histórica á que nos queren enfrontar algúns poucos está a producir no aquí e agora da cultura de noso. Como augurando, en todos os sentidos, e co acompañamento dos principais premiados da noite, que o novo está a se abrir camiño, que no peor momento da historia do teatro profesional galego (peor que cando este aínda non existía) aínda hai quen se atreve a iniciar unha aventura que semella condenada a coller maletas e bailar ritmos de outras terras. E se cadra esa sexa a única esperanza. Que poidamos seguir a pronunciar o adxectivo. Pensar que todo o novo que agora vivimos tamén o veremos con ollos vintage.

Advertisements