Chévere desembarca en Vigo

Ata os máis altos cumios

Manuel Xestoso

ChévereVigo

 

Nos países normais, ás compañías que gañan un Premio Nacional póñenlle alfombras vermellas para ir a todas partes. No País dos Ananos, esas compañías deben ir presentar o seu traballo aos bares. Non é que teñamos nada en contra dos bares: ao contrario, somos moi partidarios. Tampouco é que botemos de menos as alfombras vermellas: non saberíamos que poñernos. Pero ver a Chévere nun bar explicando o que son as Ultranoites provoca unha sensación estraña: é necesario explicalo despois de máis de vinte anos marcando o camiño do cabaré máis autóctono? Non esixiría este acto un escenario algo máis conspicuo e cerimonioso?

E, non obstante, hai algo que saímos gañando: o bar permite que as intervencións da compañía se manteñan pegadas as súas orixes máis canallas e menos convencionais. E os de Chévere, alérxicos á solemnidade, cumpriron con estas expectativas convertendo a presentación do libro Máis alá da ultranoite no bar Detrás do Marco, en Vigo, nunha especie de performance que incluíu música en directo, proxección comentada dalgúns dos vídeos que acompañan o libro, humor e, por que non, algo desa nostalxia que inevitablemente acompaña ao balance de máis de dúas décadas de traxectoria.

‘Ultranoite’ é o termo galego para cabaré e, dende o seu nacemento, acumula un expediente de valedores que lle outorgan un prestixio fóra de calquera cuestionamento: Roberto Vidal Bolaño, Xose Manuel Olveira “Pico”, Carlos Blanco, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Luís Tosar, María Pujalte, Marta Pazos, John Ballan, Carlos Santiago, Iria Pinheiro, Os da Ría, Paula Carballeira, Uxía Senlle, Xurxo Souto, Clara Gayo, Fran Pérez… Unha lista exhaustiva sería tamén extenuante.

Xesús Ron comentou a propósito desta traxectoria que a das ultranoites era unha historia “paralela e apócrifa” do que sucedera neste país nos últimos vintedous anos, pero moitos sospeitamos que non, que o que se narra neste café de variedades é o verdadeiro relato do cambio de século en Galiza. Que o que asoma nas páxinas dos xornais é, en realidade, unha parodia do que os Chévere levan en cada ocasión ao escenario da sala Nasa. Abonda con mencionar o vodevil do petroleiro errante, o folletín do códice roubado ou o narcocorrido dun presidente subitamente afectado por unha amnesia que só lle permite lembrar a neve, para decatármonos de que o país está feito á medida das ultranoites, e non ao revés.

E como a Historia segue a súa órbita, os cosmonautas da Nasa continúan explorando novas rutas siderais e desembarcan –o verbo non é gratuíto– agora en Vigo, “pola billeteira, sen o respaldo económico directo das administracións públicas”. O programa completo de exploracións incluirá a proxección do documental A viaxe dos Chévere (Marco, luns 13 de abril ás 19:30)), unha función especial da Ultranoite no País dos Ananos (Auditorio Mar de Vigo, venres 17 de abril ás 21:00) e a presentación do seu último espectáculo, As fillas bravas (Sala Ártika, sábado 25 de abril ás 21:30 e domingo 26 de abril ás 20:00).

Os compoñentes da compañía invítannos a todos a participar “do seu éxito ou do seu fracaso”. Talvez a diferenza non sexa tan dramática, estando onde estamos.

 

 

 

 

Advertisements