Amor en 3D

Mentiras de carne e óso

Roi Vidal Ponte

Amoren3D

 

Actrices que fan de actrices que fan de actores e actrices facendo personaxes namorados. Por complexo que pareza, o grande acerto de Amor en 3D é saber relacionarse coa metatetralidade desde a sinxeleza. Non deixan de ser tres amigas nun salón, a xogaren ás películas: ti fas de fulano e eu fago de mengana. Un xogo moi teatral e contemporáneo, que se revela presente na vida cotiá de todas as persoas que algunha vez xogaron a algo, e non só na dos intelectuais modernillos que ousamos acudir ao teatro a aplaudir metateatralidades fragmentadas.

O texto de José Luis Prieto colle polos pelos un material tan inflamable como o do cinema romántico holivudiense para esnaquizalo e sometelo a unha análise crítica, sempre desde un sentido lúdico da teatralidade e cun humor farsesco que supera ao da comedia comercial norteamericana.

Títulos como As pontes de Madison, Nothing Hill e Titanic, son resumidos, comentados e (exemplarmente) deconstruídos, de xeito que baixo a aparencia do divertimento evasivo encontramos un desenmascaramento dos seus propios mecanismos narrativos e certa denuncia da estereotipización dos roles de xénero do cine patriarcal dirixido a un público hiperfeminizado.

A obra aséntase de maneira ostentosa sobre o traballo das actrices: a dirección entrégaas a un ritmo tan rápido que non acaba de estar sempre ben medido; a escenografía limítase a recrear co máximo realismo posible o salón dunha casa e non achega moito, alén da funcionalidade ilustrativa; pero o elenco demostra un saber facer e un control vocal e físicos envexables, máis aínda nun terreo tan complicado e pouco agradecido como o da comedia sen paliativos.

Celia González está comicamente enorme: controla os tempos e tons de cada frase, encontrando a maneira máis intelixente e acaida de diferenciar os múltiples personaxes aos que lle dá vida. A súa imitación de Hugh Grant é mellor que a que poderían facer os latres televisivos porque non se basea na voz, senón no corpo, nunha maneira de estar e de moverse na que a actriz alicerza as súas contrastadas interpretacións.

Susana Álvarez, rotunda e segura con Clint Eastwood, está chocalleira no papel de Kate Winslet, subvertendo o estereotipo xulietil cunha actuación de histrionismo xustificado. E Daniela Rodas, con ese aspecto máis tipicamente feminino e inocente que lle axuda con Julia Roberts, sorprende coa parodia da masculinidade tóxica nos papeis de marido. Todas as tres, en definitiva, compórtanse como verdadeiras supermarionetas nas mans dunha dramaturxia chea de esixencias enerxéticas e un sen fin de personaxes guiñolescos, sen se deixaren levar nunca polo atrapallamento inminente.

A escena final, que trae con moita retranca a parodia do conflito dos amores imposibles ao terreo da loita política actual, confirma que detrás do travestismo clásico, detrás dunha dinámica propia dos canovaccios medievais, detrás dunha estética próxima ao teatro comercial contemporáneo, Amor en 3D esconde máis do que amosa, e iso que esconde é ben máis incómodo e (xa que logo) interesante que a pel coa que o disfraza.

 

Amor en 3D de José Luís Prieto
Compañía: Vía seis
Dirección: José Luís Prieto
Elenco: Susana Álvarez, Celia González, Daniela Rodas
Iluminación: Diego Valeiras
Música orixinal: Rafa Segura
Fotografía: Diego de Diego

Salón Teatro, Santiago de Compostela, 11 de abril de 2015.

Advertisements