Ganas de ouvear

A admiración e a sospeita

| Manuel Xestoso |

ganas_ouvear_04

 

Hai médicos que dubidan da existencia do trastorno por déficit de atención con hiperactividade, pero hai poucas dúbidas de que o que ese longo nome define é un mal que atinxe a unha gran parte da poboación nas sociedades contemporáneas. A multiplicación de estímulos tecnolóxicos e audiovisuais, a destrución de puntos de referencia, o culto á novidade e o presentismo son algunhas das características dun tempo que nos encamiña cara á velocidade e ao transitorio; en definitiva, cara a distracción permanente. Xusto o contrario do que se precisa para gozar da poesía, do teatro ou da filosofía: silencio, sosego, introspección.

Ganas de ouvear interrógase sobre a dificultade que amosa a maioría da poboación para acceder á poesía e converte a cuestión nunha especie de falso documental sobre a arte como transmisión de coñecementos e emocións enfrontada ao labirinto burocrático da educación oficial. Os protagonistas, profesores de teatro nunha escola de arte dramática, son os titores dun traballo sobre a interpretación da poesía e, daquela, deben loitar contra un ordenamento legal que aspira –case de xeito caricaturesco– a substituír as reflexións e as suxestións que a creación artística provoca.

O importante, explícasenos, non é o texto, senón o pensamento que xera; mais cando ese pensamento está constrinxido por un conxunto de normas que inculcan prexuízos sobre o resultado da experiencia estética, o proceso pervértese e o goce da obra transfórmase nun trámite que non lle achega nada ao receptor: desnaturalízase.

Na dialéctica entre a espontaneidade e o regulamentado intúese o malestar dunha sociedade que celebra a inspiración pero teme as súas consecuencias, que eloxia a curiosidade pero desconfía dos seus resultados. O poeta –o creador– sabe que o seu público o observa dende unha ambivalente platea na que se mesturan admiración e suspicacia.

Neste traxecto, o espectáculo ausculta tamén as inseguridades dos creadores e a manipulación que fan das teorías sobre o proceso creativo para xustificar as súas eleccións e encarar a súa sempre imprevisible recepción. E, neste sentido, a referencia á novela de Bernhard O malogrado, resulta moi clarificadora: paga a pena seguir tocando o piano cando es compañeiro de escola de Glenn Gould?

As diferentes perspectivas non sempre se ensamblan coa suficiente suavidade e iso provoca que, malia posuír moitos momentos de interese, a obra non acabe de ter unha columna que vertebre o conxunto. Trénzase a base de fragmentos, citas literarias, especulacións e moito humor. O diálogo entre Dani Salgado e Joan Giralt está cheo de chispas que acenden a reivindicada reflexión do espectador e ironiza con desenvoltura sobre as dramaturxias modernas, sobre o oficio de profesor ou sobre a falta de compromiso do público. En todos os casos, obrigan a atar cabos e non conformarse co que se ve sobre o escenario.

 

Ganas de ouvear, de Joan Giralt e Dani Salgado
Dirección: Dani Salgado
Dramaturxia e interpretación: Joan Giralt, Dani Salgado
Espazo escénico, iluminación, vestiario e videocreación: Laura Iturralde e Montse Piñeiro.
Produción: Teatre Nacional de Catalunya, Centro Dramático Galego, CatroCadeiras.

 

Salón Teatro, Santiago de Compostela. 23 de abril de 2015.

 

 

 

Advertisements