Misa patólica

Pateísmo ou barbarie

| Camilo Franco |

Leo Bassi

 

Leo Bassi non descansa na súa cruzada. Non pode. Ten en contra 2.000 anos de cristianismo e persistencia da ignorancia. Ten en contra a eficacísima estratexia de que a superstición organizada é mellor que a razón explicada. Leo Bassi non está facendo agora nada substancialmente diferente do hai tres ou catro anos. Co paso dos anos, o bufón foise poñendo algo máis serio, entrando cada vez máis na parodia dos predicadores, por máis que el predique a favor da razón.

Que Leo Bassi milite na sátira política e que os argumentos lle cheguen todos feitos non é cousa del. É cousa dunha circunstancia nun nivel abafante de deterioro, cun mareo da cidadanía en grado superlativo e cunha impostura por parte das clases dirixentes (chámense goberno, igrexa ou consellos de administración) que supera por malleira o nivel espectacular de calquera posta en escea. Friamente podemos dicir que Leo Bassi se queda curto na súa sátira: non pode ter tempo material para afrontar desde a bufonada todas esas historias que cada día chegan aos xornais en forma de escándalo. Bassi dispara ao vulto porque o vulto é moi grande. O seu humor non é sutil porque é parvada andarse con sutilezas cando che están tocando os dereitos de maneira tan descarada.

Leo Bassi xoga igual que sempre cos espectadores, mételles un pouco de medo pequeno, lévalles algo a contraria, pero por esta parte a agresividade do pallaso foi cedendo ou foi traspasando cara ao lado da política e da relixión. Hai uns anos Bassi era un bufón con máis accións e menos palabras. Agora prefire o remedo deses predicadores que non descansan no seu discurso. Bassi non descansa e búscalle as voltas á biblia, ao goberno, ao PP, e a toda a xente que se manifestou contra os seus espectáculos. O pallaso, quizais en contra da tradición, ten necesidade de darlle un contexto aos seus espectadores porque, ademais do seu labor de clown, Leo Bassi está convencido do seu rol como axitador dun avesporeiro agardando que as avespas piquen na dirección correcta.

Bassi desenvolve o espectáculo con máis homilía que misa. E no responso carga o mesmo contra o inicio da biblia que contra os monologuistas de humor branco, contra as imposturas das empresas televisivas ou contra os variadísimo catálogo de pecados do cristianismo. Vai metendo todo nunha centrifugadora e as veces sae un gag e por veces unha diatriba. Bassi apunta o outro lugar no que están e insiste moito en que este e non outro é o traballo dos pallasos e, por extensión, dos artistas. O seu humor non é indiscriminado. Ten fixados claramente os obxectivos e, as máis das veces, nin sequera ten que esforzarse: os espectadores saben do que fala e esa complicidade que o bufón consegue do seu público é unha das grandes vantaxes de Bassi. O pallaso cumpre cos seus ritos e algunha fe si que esperta.

 

Misa patólica, de Leo Bassi
Dirección: Leo Bassi
Elenco: Leo Bassi
Paraninfo de Xeografía e Historia. Santiago de Compostela. 25 de abril de 2015

 

 

 

Advertisements