Petí comité

Brazos e abrazos

| Manuel Xestoso |

Foto: Pedro Arnay

Foto: Pedro Arnay

 

Estamos tan afeitos a que os espectáculos de danza contemporánea recorran á mestura de linguaxes que unha función con argumentos exclusivamente coreográficos se converte nun acontecemento. Petí comité é ese tipo de obra en que incluso a narración se somete ao baile, permitindo que sexa a interacción entre os corpos a que explique os personaxes e as súas vicisitudes, os sentimentos e as accións. Non se trata de abstracción, senón dunha conversión do movemento en código que nos sitúa ante as historias cunha perspectiva que vai máis alá do circunstancial.

A referencia ao íntimo ten, daquela, un duplo significado: remite ao que sucede na escena, pero tamén ao xeito en que se lle transmite ao espectador. Fálase do persoal dende o persoal, rexeitando a grandilocuencia e permitindo que o sentimento vaia sedimentando con parsimonia e emoción. A montaxe comeza cun cadro no que unha parella evolúe arredor duns fachinelos de luz que axiña se revelan como portas ao interior dos personaxes, aos cataclismos internos que provoca a relación cos outros.

Poesía e un humor moi sutil van moldeando os seis cadros que forman Petí comité. Non hai escenografía, pero a exquisita iluminación dramatiza cunha potencia case barroca o que sucede na escena. Os vigorosos contrastes entre luz e escuridade e as proxeccións de sombras reflicten os accidentados traxectos sentimentais dos seus personaxes. Ese patetismo está suavizado, non obstante, por unha desenfadada lixeireza que sitúa os conflitos nun plano amable.

O vocabulario coreográfico de Teresa Nieto abrangue o contemporáneo e o flamenco, pero ten un pé (a punta?) posto no clásico e mesmo non desdeña unhas pingas de jazz. Ningún destes xéneros se presenta en forma pura e por iso o resultado é pura danza. Hai un obvio protagonismo do movemento de brazos –marca da casa– e quizais habería que dicir tamén dos abrazos, xa que son os afectos –ou a súa carencia– os que rexen o progreso do espectáculo.

Os corpos búscanse, atópanse e rexéitanse cunha sintaxe sinxela e efectiva modulada en tempos lentos. Teoricamente, non é unha variante que entusiasme ao público, pero en Vigo desencadeou varias salvas de aplausos no medio da función (algunhas delas, irritantemente a destempo). Momentos espléndidos como un xogo certamente orixinal de quitar e poñer un vestido ou un solo coa bailarina sentada propician a variedade nun espectáculo que podería tender á saturación.

A propia autora pechou a función cuns breves e definitivos apuntes que deixaron claro que na danza, como na vida, todo conduce cara ao reinicio da aventura, do risco ante o descoñecido.

 

Petí comité de Teresa Nieto
Dirección, vestiario e coreografía: Teresa Nieto.
Compañía: Teresa Nieto en Compañía.
Elenco: Sara Cano, Daniel Doña, Vanessa Medina e Teresa Nieto.
Deseño de son: Héctor González.
Deseño iluminación: Gloria Montesinos.
Música: Jorge Drexler, Did Koala, Alva Noto, Fréderic Chopin, Erik Friedlander e orixinal de Héctor González.

Auditorio Municipal de Vigo. 24 de abril de 2015.

 

 

 

Advertisements