Xoga

Anatomía

| Roi Vidal Ponte |

xoga

 

Temos unha idea tan elevada da danza contemporánea que ás veces esquecemos os festivais de fin de curso e as exhibicións de ximnasia artística. Esquecemos que a graza dun corpo en movemento non ten que por que ir necesariamente acompañada de música experimental electroacústica nin fuxir dos significados entrando nos labirintos abstractos da concreción deconstrutiva dos significantes.

Poucas veces temos ocasión de presenciar un espectáculo de danza contemporánea orientado aos máis cativos. O didactismo sempre casou ben coa sinxeleza. A idea é ben clara: explicar o corpo e as súas partes. O funcionamento, os nomes, e os posibles usos dos nosos corpos. Unha (re)educación necesaria, unha lembranza do único que en realidade somos e nunca deixaremos de ser.

A Cía. Entremáns coreografía a explicación do corpo humano cun estilo descritivo que procura en todo momento o impacto visual. Fai un teatro físico moi próximo ao da imaxinería surrealista de Momix, a compañía máxico-dancística coa que Moses Pendelton leva lustros asombrando a medio mundo, mais traducen o estilo naïf e preciosista do xenio estadounidense por unha achega lúdica á inocencia das primeiras descobertas.

O único que pretenden as dúas bailarinas é xogar cos seus corpos e fano en pouco máis de media ducia de números baseados en parte concretas: o esqueleto, a cabeza, os ollos, o nariz, a boca, etc. É certo que o traballo de sincronización, tanto coa música como entre elas mesmas, podería estar un chisquiño máis atinado, pero a elasticidade que demostran, a limpeza escénica e o deseño de vestiario e atrezzo contribúen a deixar unha boa sensación no remate do espectáculo. E seguro que non é tan doado como parece facer que todo pareza tan sinxelo.

Acompaña unha fermosa música inspirada nas atmosferas circenses de Pascal Commelade e unhas proxeccións audiovisuais que achegan o toque interactivo. Os videos relaciónanse coas bailarinas e tamén co público, e son os encargados, xunto coa canción final, de nomear as diferentes partes corporais en galego e en inglés, aínda que se cadra sexa a voz en off dos mesmos e o seu elemental discurso un dos aspectos máis vacuos da peza.

É posible que os nenos e nenas que acudan á función non boten cousas de menos. Móstraselles o que xa saben e iso failles gozar. Pero algúns dos que xa non somos tan nenos estamos obrigados a facernos algunha que outra pregunta. Son o pasatempo, o divertimento, e a ausencia de contidos dramáticos (é dicir, conflitivos) sempre obrigatorios na relación das artes coa máis tenra infancia? Debemos tratar ás crianzas coa seriedade e dignidade que merecen ou coa dilación e o menoscabo por todo aquilo que aínda non chegaron a ser? É que non temos dereito a gozar desde que chegamos a esta vida de moitas das cousas polas que se nos obriga a esperar, tales como a dúbida, a autonomía, a sorpresa ou a provocación?

Seguro que algún que outro Piaget saberá responder a estas preguntas abrindo un manual. Pero non deberiamos tamén desde o teatro e a danza ser quen de ofrecer as nosas propias respostas?

 

Xoga de Cía. Entremans
Dirección, creación e interpretación: Kirenia Celia Martínez e Beatriz Pérez.
Deseño gráfico e ilustración: Marta Cuba.
Motion Graphics: Isabel Vila.
Iluminación: Octavio Mas.
Atrezzos: Anahí Taraburelli.
Fotografía: Francisco Ares.
Vestiario: Santos Salgado e Compañía Entremans.
Espazo sonoro: Ismael Berdei.

Auditorio Municipal de Vigo. 26 de abril de 2015

 

 

 

Advertisements