As fillas bravas

Polas nais das nosas avoas

| Roi Vidal Ponte |

Asfillas bravas

 

Hai un tipo de humor, que algunha vez tivemos por propio, que afonda nese complexo autoodio que nos ten abocado a tantos fracasos. Nace cos criados parvos do barroco español e chega até os venres de luar. Describe o ser galego como brután e servilísimo sen renunciar ao estereotipo que lle vén imposto.

Unha mirada superficial e fotográfica ao último de Chévere pode levarnos por este ronsel tonechadista: mulleres rurais a tocaren a pandeireta e a diciren porcalladas con moito acento. Pero o que nun primeiro vistazo parece unha postal folclórica é en realidade unha análise que resulta dun profundo traballo de campo; o que semella esaxeración é pura imitación realista.A diferenza é que se no primeiro caso o público séntese superior aos tipos retratados, ríndose deles, no segundo séntese igual, e ri con eles.

As fillas bravas é cómica como un cadriño de Luis Dávila ou Xaquín Marín: son trazos grosos, pero captan con lucidez as finuras filosóficas do noso volkgeist; parecen inventados, pero o seu substrato verdadeiro achega unha dimensión reivindicativa que os fai únicos. Con evidente intención didáctica, as pandeireteiras explícannos o que se oculta detrás da simboloxía das coplas tradicionais de temática sexual e feminina, demostrando que o feminismo non se inventou nin onte nin lonxe, senón que estaba xa presente na forza coa que as nosas avoas se empoderaban fronte ao mundo.

Fascina que con ese material as teenses sexan capaces de crear un teatro radicalmente contemporáneo, en consonancia cos principios das súas últimas obras: pescuda na realidade, denuncia crítica de conflitos actuais, interacción directa co público, mediada por un uso sinxelísimo e anti-snobista das máis novas tecnoloxías… E conségueno aquí cun espazo materialmente baleiro onde o traballo actoral é demiúrxico. A imitación é tan exacta e responde a un traballo físico tan esixente –no que destacan Mónica García e Patricia de Lorenzo– que está a anos luz das paifocadas televisivas.

Cando lemos nos manuais de interpretación que Michael Chejov era un actor incomparable, capaz de meterse na pel dos máis diversos personaxes, entendemos que as súas metamorfoses debían de ser parecidas ao que soe facer Patricia de Lorenzo cada vez que sobe a un escenario. Mónica García transfórmase nunha anciá repunante e entrañable: o seu párkinson non é burleiro, senón un esforzo interpretativo, un clixé físico executado á perfección, o mesmo que a súa engurrada máscara facial. Arantxa Vilar é a máis natural, o seu personaxe é o que máis se lle achega en idade e urbanidade á propia actriz, e por iso o seu traballo loce menos, aínda que se manteña á altura dun trío compensado, clownesco e naturalista a un tempo.

O teatro, por moi documental, brechtiano, político ou posdramático que se volva, ás veces só precisa facerlle caso a Peter Brook e amosar a persoas facendo cousas, sen necesidade de case nada máis que un ou tres corpos largando texto, a poder ser con graza, no duplo sentido da palabra.

Porque o pequeno é fermoso. E o teatro de actrices, cando sae ben, enorme.

 

As fillas bravas de Chévere
Dirección: Xron
Elenco: Mónica García, Patricia de Lorenzo e Arantza Villar
Escrita: Manuel Cortés.
Adestramento musical: Inés Portela.
Caracterización: Fanny Bello.
Técnica en igualdade: Raquel Piñeiro/Promove.
Comunicación: Xana García.
Produción executiva: Patricia de Lorenzo

 

Sala Ártika, Vigo. 25 de abril de 2015.

Advertisements