Fémina Sapiens

Un horizonte moral de doce mil euros

| Manuel Xestoso |

Feminasapiens

 

Femina Sapiens comeza interrogándose sobre o aparente paradoxo de que persoas cunha excelente formación cultural actúen cunha execrable baixeza moral e remata demandando doce mil euros para a conta corrente da personaxe protagonista, que non dá acabado a súa tese de doutoramento por falta de efectivo. Noutras palabras, pártese da cuestión sobre os vínculos entre razón e ética –e as alusións a Heidegger son o suficientemente ilustrativas– para acabar nun terreo moi semellante ao que exploraba Virginia Woolf en Un cuarto de seu.

Seguindo o libro de Woolf, sabemos que hai unha cuestión de clase na conquista dunha posición relevante na esfera intelectual: precísanse cartos e tempo para ler, para escribir, para producir un pensamento minimamente elaborado e independente. Mais non está claro que sexa preciso ser persoa de posibles para participar de sentimentos como a solidariedade, a empatía ou a compaixón.

Isto podería dar lugar á sospeita de que a evolución do Homo sapiens non progresou dun xeito de todo correcto; ou á de que o medio non permite que a especie desenvolva todas as súas competencias. Inversa Teatro explora a capacidade dos vasos comunicantes entre a honestidade e a racionalidade e atopa que a institucionalización das relacións humanas –o matrimonio, a familia, as amizades– baixo un determinado sistema económico –o capitalismo– dificulta moito a tarefa de converterse no que se dá en chamar “unha boa persoa”: entre Foucault e Brecht anda o argumentario, aínda que cunha perspectiva feminista que lle outorga orixinalidade.

A función de Inversa trata de ir máis alá do panfleto e da perrencha –e isto é algo que se agradece– na súa análise da realidade contemporánea, pescudando nas causas dunha deshumanización que probablemente estea na raíz de moitos problemas recentes. Hai concesións á actualidade pero o centro do discurso apunta a unha estruturas de poder que permanecen inmutables dende hai séculos e que actúan como pexa que obstaculiza os tímidos avances que se dan en materia de emancipación.

O espectador avezado recoñecerá moitos dos trazos de estilo que se xeneralizaron no teatro posdramático nos últimos tempos: o paso do plano dramático ao narrativo sen transicións, a substitución dun fío condutor por un xogo de resonancias temáticas, a alocución directa ao espectador… Mais o traballo de Marta Pérez consegue vencer a sensación de dejà vu, substituíndo a falsa complicidade pola multiplicidade estilística e compaxinando o rexistro dramático e o humorístico con acerto. Unha escena en que a protagonista dialoga vía chat cun tal Aristófanes –con quen mantén unha enigmática e autodestrutiva relación– logra visualizar con dureza a traxedia persoal de quen sofre a alienación que propicia o contexto social: esa escena permanece na memoria do espectador como substrato no que fertilizan as ideas diseminadas ao longo do espectáculo.

Quizais a autorreferencia que se permite ao final a actriz sexa a única peza que desencaixa nunha obra sinxela pero cativadora, cuxa proposta de desvelar os engrenaxes profundos que nos moven merece atención.

Fémina sapiens de Marta Pérez
Compañía: Inversa Teatro
Dirección: Carlos Álvarez-Ossorio
Elenco: Marta Pérez

 

 

 

Advertisements