Illas Atlánticas

Naufragando contra as brúxulas

| Roi Vidal Ponte |

illas_atlanticas

 

Comezos:
Ao principio foi a dúbida: Como comezar? De que forma atraer a atención do público sen caer en fórmulas trilladas, sen semellar un ronsel epigonal de Angélica Lidell ou de Ana Vallés? Monólogo limiar. Prólogo interpretativo. As palabras, medidas, resoan coa forza xusta para enganchar.

Largádevos de aquí:
Despois, Alfredo Rodríguez intenta imaxinar un xeito orixinal de comezar un espectáculo e acaba botando por fóra todo un vómito de queixas contra a casta teatral, contra a academia universitaria e a crítica especializada, convidándo(n)os a entrar na escuridade da verdade escénica ou marchar. Intentando manter o equilibrio sobre uns zapatos de tacón desaparellados, agóchase detrás dun xornal que asemade reflicte a súa imaxe. O número culmina coa entrada en escena da canción Mi unicornio azul interpretada por Mercedes Sosa, e neste momento sabemos que despois deste comezo arrebatador non vai ser doado continuar.

Raíces ou tentáculos?:
Olga Cameselle baila no labirinto dos xestos da desorientación. O seu número de danza é tan longo e reiterativo que case consegue contaxiar a procurada angustia de quen querendo encontrar o norte perdeu o sur.

Nun segundo momento do seu sketch, comeza a emitir un sons que semellan palabras e de a pouco se volven nunha graciosa disertación que centra o discurso de todo o espectáculo: ser raíz ou ser tentáculo, ficar cos pés na terra ou voar, compracer ao público ou procurar respostas…

Que foi da canción protesta?:
Alfredo disfrázase de Sabina. Pero o sombreiro non lle deixa ver. Ten que utilizar uns libros para tender unha ponte e non afogar nun mar de linóleo. Chega a un asento iluminado desde onde formula a súa intención de recuperar a música dos cantautores. Busca inspiración nos libros do seu pasado (desde un de receitas de Simone Ortega ata o texto do personaxe que o propio Rodríguez interpretaba na obra de Koltés A soidade dos campos de algodón en 1995). Hai recordos que son raíces e recordos que son tentáculos. Contados con proximidade e un fino e cínico (cáustico) humor, en todos eles resoa unha vida chea de verdade teatral.

Anana:
Desconcertados, camiñamos cara un final no que os interrogantes sobre a arte escénica nos deixan respostas vitais. Cameselle tamén se envolve, nun tule vermello desde o que fai como de Isadora. Monstruosa, o grotesco dos seus berros rima co do desas súas mans enormes e angulosas. Voz. Insultos. Final.

Epílogo:
E saen como entraron. Illados do mundo e entre si. Perfectamente illados nunha proposta que separa o actor da bailarina, as confesións ao público da danza conceptual, as reflexións artísticas das vitais. Sen trucos nin mentiras. O que viches foi todo o que hai.

E todo o que se ordena mediante a separación únese polo estilo, pola interpretación segura e relaxada, e por ese grande océano compartido que é o espazo (non tan baleiro?) dunha sala de teatro non convencional.

 

Illas Atlánticas de A Artística
Dirección: Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez
Elenco: Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez
Vestiario: La Canalla

 

Teatro Ensalle, Vigo. 17 de maio de 2015

 

 

Advertisements