Tal e como viñemos

Rir versus RIP

| Afonso Becerra de Becerreá |

Talecomoviñemos

 

 

Vén de presentarse no V Vigo en Bruto do Teatro Ensalle unha nova compañía de teatro saída da ESAD de Galicia, nomeada Agulla de Marear, co seu Traballo Fin de Estudos na especialidade de Interpretación Xestual, titulado Tal e como viñemos.

As actrices Lucía Hernández e María de las Llanderas fanlle unha especie de “xaque mate” á morte. “Neste espectáculo morro dezaseis veces”, di María antes de comezar unha parodia de escenas de tiroteo e morte, precedidas por flores e terra fresca.

O humor naif en sketchs sobre tetiñas e cabelo áspero ou o simulacro de morte e enterramento, entre outras formulacións escénicas, non son máis que xogos para quitarlle peso ao tema lutuoso e para sacalo de lugares comúns pseudofilosóficos ou existenciais.

Nesa liña está a escena expresionista dos monstros-bufóns que comparecen ante o rei, ante deus e ante o público para esgrimir as súas derradeiras palabras antes de fenecer. Unha hipérbole farsesca desde a que nos anuncian a nós tamén a morte e así xa podemos rir e descansar en paz (RIP. Requiescat in pace) ou mesmo morrer de risa.

Os cadros ou secuencias deste Tal e como viñemos crébanse sen solución de continuidade na acción, vinculándose pola heteroxeneidade lúdica de formulacións escénicas en torno ao tema aglutinante. Por exemplo, a escena na que o músico, Juris Simanovics, sae do seu recuncho e rompe o sketch dos monstros-bufóns para iniciar unha entrevista ás actrices sobre o que pensan da morte. Ou a pasaxe na que María fai unha danza de tremores e, despois, Lucía executa unha danza coa sombra das mans diante dun foco, contra a parede negra do fondo.

No conxunto destaca a intención cómica que lle resta transcendencia ao trance do pasamento. Desta maneira, o espectáculo devolve o acto de morrer á súa natureza puramente física. Tal desmitificación de cerna materialista, foxe de contextos lacrimóxenos.

O enterro da caixiña de madeira cunhas figuriñas de xadrez pecha a obra, nesa alegoría coa que se encetou o espectáculo e que establece un certo paralelismo entre a vida e o xogo.

As últimas verbas son os versos de Juan Ramón Jiménez: Y yo me iré y los pájaros seguirán cantando. Os últimos movementos son un baile arroutado de liberación mentres cantan “Another One Bites the Dust”coa compaña da voz de Freddie Mercury.

 

Tal e como viñemos de Lucía Hernández e María de las Llanderas.
Elenco: Lucía Hernández e María de las Llanderas
Dirección e produción: Agulla de Marear
Espazo escénico: Javier Quintana
Espazo sonoro e música en vivo: Juris Simanovics
Iluminación: Javier Quintana

Vigo en bruto 2015. Teatro Ensalle, 14 de xuño de 2015.

 

(Este artigo modificouse o 15 de xuño de 2015 para corrixir un erro polo cal se atribuía a iluminación á Pedro Freneda).

 

 

 

Advertisements