Bilingue

Unha xeración á busca do seu relato

| Manuel Xestoso |

Bilingue

Foto: Filipe Ferreira

 

Estase a converter nun xénero: o teatro que fala sobre a imposibilidade de contar unha historia. O argumentario reúne combustible a partir dos sospeitosos habituais: Lyotard e a inoperancia dos grandes relatos, Derrida e a negación da estabilidade de ningún texto, Baudrillard e a eliminación de fronteiras entre o virtual e o real, Foucault e a autodisciplina dos sometidos a vixilancia continua… Semella que existe unha particular compracencia en aplicar unha lente analítica sobre os elementos do que sería unha “trama convencional” para explicar que xa non podemos operar con esa inxenuidade, que a nosa conciencia está agora aberta a outras lecturas máis problemáticas. E, non obstante, os mesmos conflitos esenciais –o amor, a morte– seguen afectándonos.

Poderíase ver como un acto de soberbia, como unha declaración de superioridade, mais tamén se percibe a angustia dunha xeración que non dá atopado o relato que a explique. O micrófono polo que nun momento ou outro pasan todos os personaxes –outro elemento recorrente neste tipo de espectáculo– transloce a urxencia de ser escoitados que os esporea. Igual que, despois da morte de Deus, precisamos, paradoxalmente, dunha webcam que substitúa o seu ubicuo ollo vixiante.

En realidade, buscan un relato que resolva as tensións creadas polas novas formas de identidade que ofrece o capitalismo actual. A este respecto, hai un revelador monólogo de Ana Tang no que cuestiona a súa adscrición ao xénero, á súa identidade como muller: non é suficiente definirse como muller e, ao mesmo tempo, resulta imprescindible. A medida que avanza o intento de aclaración, as contradicións van abrollando e enleando cada razoamento ata acabar por mergullarnos nun labirinto que se parece moito á parálise. Ou a un roto-relevo de Duchamp: sempre en movemento e sempre no mesmo sitio, mais provocando a ilusión óptica de profundidade.

Bilingue é unha mostra do que se deu en chamar posdrama e que, no seu balbordo, lembra ao teatro renacentista e italianizante no que a mestura do inverosímil e o coñecido servía para –que casualidade– ironizar sobre as identidades. Quizais o devandito monólogo de Ana Tang non estea tan lonxe daquelas damas shakesperianas que, travestidas, incitaban a polemizar sobre unhas cuestións sexuais que xa preocupaban aos seus contemporáneos.

Mais cada época posúe as súas formas e a destes mozos suxire unha dialéctica sen síntese: expoñen os seus problemas e inquedanzas para que os compartamos ou os refutemos sen que pareza prioritario chegar a algunha conclusión. O espectador ten a última palabra e iso resulta bastante democrático, sempre e cando o público acepte o papel que se lle atribúe na función.

Bilingue é un proxecto de colaboración entre escolas de Arte Dramática de Portugal e Galicia e resulta reconfortante ver que a obra ten ao seu favor a soltura e o atrevemento duns actores e actrices novos que logran que recoñezamos o tema como propio. Conseguen que a representación se contaxie do vitalismo da súa mocidade e transmiten unha frescura que axuda a asimilar as arduas sinuosidades do texto con agrado.

Estará no Salón Teatro de Compostela do 17 ao 21 de xuño. É unha boa oportunidade para comprobar se estamos dispostos a escoitar o que as novas xeracións queren dicirnos.

 

Bilingue de José Maria Vieira Mendes
Dirección: Pedro Zegre Penim
Elenco: Ailén Kendelman, Sabela Ramos Candedo (ESAD), Ana Tang, Frederico Serpa (ESTC), Diana de Sousa, Mariana Magalhães (ESMAE) e participação de Luísa Osório, Marc Xavier
Escenografia: Lucas Rodrigo Fernández (ESAD)
Figurinos: Cláudio Alves (ESTC)
Deseño de iluminación: João Abreu (ESMAE)
Asistente de dirección: Marc Xavier (ESTC)
Dirección de escena: Luísa Osório (ESMAE)
Coprodución: TNDM II, TNSJ, Axencia Galega das Industrias Culturais, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Instituto Politécnico do Porto/Escola Superior de Música, Artes e Espetáculo, Instituto Politécnico de Lisboa/Escola Superior de Teatro e Cinema

Fitei, Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica. Teatro Carlos Alberto, Porto, 14 de xuño de 2015.

 

 

 

Advertisements