Mirada mirroire

Especulando a identidade

| Roi Vidal Ponte |

MiradaMirroire

 

Cando acudimos á danza contemporánea abrimos ben os ollos pero tamén o tronco e as extremidades. Sabemos que hai experiencias que só poderemos encontrar alí. A danza estimúlanos porque en renunciando á palabra devólvelle aos escenarios todo o que é verdadeiro e puro teatro. Porque fai da imaxe en movemento unha sorte de poesía tridimensional e dinámica, confirmando o o corpo humano como unha realidade en relación co seu contexto.

Na danza contemporánea non todo é baile. Nin sequera estamos seguras de que o baile sexa o importante. Damos por suposto que imos ver un corpo que sabe transitar e crear espazos, que sabe falar mediante o movemento. Alba R. Garfías non quere facer baile puro e exhibicionista. O seu solo chamado Mirada Mirroire énchese de significados polo lado dos obxectos simbólicos e a materia intanxible da luz. Unha luz que nunca fora tan corpórea.

As obras de danza acostuman facer do deseño de iluminación un verdadeiro arte que case ten valor por si mesmo. A sutileza no contraste entre a luz e as sombras, entre os tons fríos e os cálidos, rebenta nunha escena na que o corpo é substituído por unha cortina de espellos. A luz, como non, ía ser fundamental nunha obra que parte e chega até os espellos, porque non habería espellos se non houbese luz. O momento máxico do que falamos dálle a palabra a eses reflexos, engaiolándonos nun verdadeiro e fermoso baile de luz.

A bailarina entrara fachendosa, disfrazada de ave sedutora e confiada. Co avanzar da obra a luz atenúase e os espellos rachan. O que é baile vai deixando paso á performance e da man da danza-teatro acadamos a emoción dos significados. Como por arte de maxia, o achegamento lento e doloroso ao espello fai desaparecer o corpo, nunha escena na que Alba muda a exhibición pola poesía dun surrealismo nada absurdo. É un momento monstruoso, de inspiración xenial, que centra o sentido último da peza ofrecendo un espello devorador, vampiro ou caníbal, aberto a múltiples interpretacións, todas elas espantosas, no sentido portugués, e ligadas a unha reflexión crítica sobre a importancia da imaxe persoal na sociedade contemporánea.

O ritmo, que fora fiado con escenas máis ben curtas e transicións fluídas, córtase coa aparición da sempiterna proxección audiovisual. O videopoema en diferido resulta un pegote dentro da beleza dos cadros que estiveramos a presenciar. Non interactúa co aquí e agora do escenario e funciona máis como pausa desviadora, sen aproveitar, no que sería unha perfecta coherencia temática, as posibilidades de sombra, duplicación ou contemplación que a proxección ofrece. Engade un espazo aberto ao bosque e á nudez, mais a súa intención naturista pérdese no filtro audiovisual.

Ao final, Garfías dálle a volta á metáfora e fai do seu corpo un espello escachado. Usando de novo a luz como elemento indispensable, envorca todos os apuntes simbólicos, as reflexións filosóficas, o narcisismo e a autoimaxe critica nunha apelación ao público que é, en definitiva, un elegante convite a continuarmos a bailar. Bailar até romper o espello.

 

Mirada mirroire de Alba R. Garfias

Vigo en bruto 2015. Teatro Ensalle, 21 de xuño de 2015.

Advertisements