Non toques os meus círculos

Reinventarse

| Manuel Xestoso |

Circulos

 

Malia o seu título, Non toques os meus círculos non fala de Podemos, senón dunha situación que podería dar lugar á consabida indignación cidadá: Tomás Canalejo, de profesión físico, é despedido do seu posto de traballo como investigador debido ás omnipresentes reducións do orzamento. A súa reacción, non obstante, trata de ser construtiva e, en consecuencia, decide reinventarse para crear un espectáculo que dea a coñecer a figura de Arquímedes de Siracusa entre a poboación.

Este punto de partida define dende o principio o carácter do protagonista, un home entusiasta e cunha gran dose de inxenuidade que baterá constantemente cos inevitables obstáculos que a realidade – e a súa inexperiencia– lle apón ao seu proxecto. E, en certa maneira, fixa tamén os parámetros nos que se move o espectáculo, que o fía todo á sinxeleza e ao contacto co público. Existe tamén inxenuidade, mais unha inxenuidade máis aparente que real, porque por baixo da simplicidade da función subxace unha sarcástica crítica a esa idea da “reciclaxe” das persoas que tanto se repite dende as instancias instigadoras do neocapitalismo.

Formalmente, porén, predomina o ton amable e o humor para todos os públicos. É un espectáculo con encanto, no que cada un dos números engade un matiz ao conxunto, tocando diferentes paus, dende a música en directo ata os monicreques. As peripecias da vida de Arquímedes entretécense coas vicisitudes vividas polo propio Canalejo para poñer en pé a súa obra, o cal permite a aparición de toda unha panoplia de personaxes que aluden a actualidade máis recente e introducen comentarios irónicos sobre moitos aspectos da sociedade actual, ou que xogan –elegantemente– con tópicos coñecidos dos espectadores, como na hilarante escena en que dialogan dous soldados romanos, un de orixe andaluza e outro de liñaxe galega.

A montaxe alterna escenas vivas con outras máis frías. Segue unha liña que por momentos perde o pulso, pero Montenegro logra recuperalo. Dalgún xeito, esta obra semella unha posta a proba das súas habilidades como actor e, sen dúbida, sae ben parado do reto: realza a teatralidade do texto e dota de estrutura o relato. E como desenvolve moi ben o seu oficio e a historia é simpática na súa humildade, acaba por gañar a complicidade do público e remata entre aplausos agradecidos.

 

Non toques os meus círculos de Artello Teatro
Dirección: Rosa Hurtado
Elenco: Santi Montenegro
Deseño de vestiario: Suso Montero
Colaboración dramatúrxica: Manuel Pombal e Óscar Codesido
Colaboración Musical: Ramón Souto

Sala Ártika, Vigo. 19 de xuño de 2015.

 

 

 

Advertisements