Britânico

O persoal é o político

| Manuel Xestoso |

Britanico

 

Cando Narciso lle di a Nerón que o pobo “adora a man que o mantén encadeado” está definindo unha liña política que non empezou precisamente na época en que Racine escribiu esta peza e que, dende logo, non rematou naquela altura. A función dirixida por Nuno Cardoso pon de manifesto o estreito vínculo entre as paixóns intimas e a acción política, mais propicia tamén unha reflexión sobre como se entretecen estas dúas dimensións do desempeño do poder. As interferencias entre as razóns de Estado e os sentimentos persoais actúan sempre dun xeito moi complexo, pero a ecuación aclárase moito cando consideramos o poder como un mecanismo que traballa silandeiramente por debaixo de calquera interacción humana.

A obra de Racine prefigura certos postulados freudianos que Cardoso subliña dende un escrupuloso respecto polo texto: o autor lémbranos a incestuosa historia da liñaxe de Claudio e o director certifica a edípica relación entre Nerón e a súa nai, Agripina, cun longo e apaixonado beixo que explica moitos dos escuros engrenaxes que operan nas intrigas palacianas: como explicaba Bertrand Rusell, existen moitas formas de exercer o poder sobre os outros, e todas elas están esencialmente imbricadas.

Nerón pasa de gobernante exemplar a tirano como consecuencia da neurose que lle provoca o dominio da súa nai e, así, os lazos de sangue convértense, en virtude da ambición, en lazos sanguentos. Porén, non se pode falar exclusivamente dunha patoloxía do emperador: cada unha das personaxes ten as súas propias pretensións e ningunha resulta de todo inocente. Quizais a tiranía deba verse coma o efecto da conxunción de todas as tensións que pretenden influír no devir do Imperio. E quizais así poida comprenderse a afirmación de Roland Barthes de que o teatro de Racine non é un teatro do amor senón un teatro da violencia. Da violencia política, claro.

A versión de Cardoso logra suxerir todo este intricado e sutil xogo de influencias e intimidacións dende unha vontade de “airear” o texto raciniano. Unha escenografía que “abre” ao público a antecámara onde se toman as verdadeiras decisións que definirán a política imperial testemuña o prurito de afondar no sentido último das palabras para extraer delas as verdadeiras intencións dos personaxes. A partir de aí, o director enche a súa montaxe de pequenas insinuacións que desvelan a dupla natureza de cada unha das decisións que se toman en nome dos grandes principios.

Hai dúas achegas fundamentais para visualizar o maquiavelismo da partida que se está a xogar sobre as táboas: Pedro Frias como Nerón consegue amosar a faceta máis humana dun emperador conceptuado como o epítome do despotismo, enfrontándoo case como un desvalido personaxe de comedia que –por pouco– move a compaixón; Micaela Cardoso como Agripina convéncenos de que as razóns subxectivas poden transformarse no fuel que alimenta o estadista, de que as fronteiras nunca quedan ben definidas. O eixo principal que forman estas dúas personaxes está moi ben acompañada polo resto do elenco e entre todos constrúen un necesario espectáculo que apela a conciencia cívica do público.

 

Britânico de Jean Racine
Dirección: Nuno Cardoso
Versión: Regina Guimarães
Elenco: João Melo, Leonor Salgueiro, Mário Santos, Micaela Cardoso, Pedro Frias, Rodrigo Santos, Romeu Costa
Escenografia: F. Ribeiro
Iluminación: José Álvaro Correia
Música: Rui Lima e Sérgio Martins
Produción: Ao Cabo Teatro
Coprodución: Centro Cultural Vila Flor, Theatro Circo, Teatro Municipal do Porto

Festival de Almada. Escola D. António Dacosta, Almada. 14 de xullo de 2015.

 

 

 

Advertisements