Ruz-Bárcenas

Territorios de impunidade e impotencia

| Vanesa M. Sotelo |

RuzBarcenas

Foto: Rosiña Rojo / MIT Ribadavia

 

Pepe C. Galicia OC. General Des. A de la P. Piñeiro. L. Moreno. J.L. Moreno. J. Cotino. Cospedal. Construtoras. Sociedades. Presidentes. Secretarios. Tesoureiros. Xerentes. Todos os nomes se desvelan e mesturan sen piedade nas anotacións de Luis Bárcenas e que Teatro del Barrio desprega no espectáculo Ruz-Bárcenas, presentado durante o segundo día de programa da XXXI Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O dramaturgo Jordi Casanovas sintetiza, concentra, reordena e edita sen engadidos a transcrición da segunda declaración do ex-tesoureiro do Partido Popular na que desmente a súa primeira intervención e desentraña as relacións de poder nun contexto de corrupción sistematizada. Mesturando documentos reais e construción escénica, Ruz-Bárcenas ofrece un interrogatorio que acaba por ser un perturbador exemplo da banalidade do mal e a impunidade da corrupción.

Á hora de abordar a cuestión da corrupción, Jordi Casanovas desbota a creación de material ficticio para pasar a colocar en escena a realidade publicada nos xornais. Súmase así a esa corrente que quere colocar no escenario “o que se publica na páxina 7 dos diarios” e á que o público, por diferentes motivos, non acaba de acceder. A función da escena é así a de re-presentar a información, facilitar a lectura dos feitos e condensar a actualidade facéndoa viva e palpable. O valor de Ruz-Bárcenas é o de estar atento á realidade, reelaborar os feitos e saber guiar a atención para e compartir en carne viva males que desangran a sociedade.

Ruz-Bárcenas recrea unha situación cuxas palabras se coñecen aínda que non se saiba como foron as actitudes nin a tensión que se xerou entre os axentes implicados. A proposta que dirixe Alberto San Juan é unha aposta crúa, núa, sen concesións –agás a de concentrar en 55 minutos catro horas de interrogatorio– e cuxo peso recae na información que aporta o declarante ante as preguntas do maxistrado. Nesa centralidade da palabra –case de bustos parlantes- e con escasas variacións, os actores desvelan diferentes formas de abordar os personaxes e aproveitan o espazo reservado para o xogo de escoita entre eles. Así, Manolo Sólo non procura mostrar unha copia do xuíz Pablo Ruz aínda que si descubrimos con el un xuíz –entre a tipificación e a individualización- que concentra as cuestións lanzadas por todos os maxistrados que interviñeron no interrogatorio real e que acaba por presentar a xustiza cega buscando ver-dade. Pola súa parte, Pedro Casablanc debuxa un Bárcenas que o imaxinario colectivo pode identificar coa persoa real. Casablanc realiza unha construción persoal e mimética a partir da presenza do personaxe nos medios e elabora unha interpretación de Bárcenas na que a base de pequenos xestos, matices físicos, miradas e detalles mostra unha complexidade individual na que se dan cita a axilidade de pensamento, a defensa ofensiva, a prepotencia e ata un certo sentido do humor.

Pepe C. Galicia OC. General Des. A de la P. Piñeiro. L. Moreno. J.L. Moreno. J. Cotino. Cospedal. Cada nome unha denuncia. Cada nome unha evidencia dun territorio dexenerado onde ninguén pode salvarse. Un territorio onde Pontevedra xorde como unha das provincias máis nomeadas nese trafego de achegas económicas e desembolsos opacos. Cada nome unha evidencia dunha situación endémica cuxa denuncia é amplificada no teatro a través dun espazo verbal dialéctico que lembra aquela soidade nos campos de algodón entre o comprador e o vendedor. Só que neste caso, o duelo dialéctico é entre corrupción e xustiza nun terreo de desamparo que se move entre a impunidade da primeira e a impotencia da segunda. Despois de todo, Bárcenas saíu do cárcere. Despois de todo, Ruz saíu da Audiencia Nacional considerando probado que o PP foi financiado ilegalmente. Despois de todo, Mariano Rajoy é o presidente de España.

 

Ruz-Bárcenas de Jordi Casanova
Compañía: Teatro del Barrio, en co-produción con Teatre Lliure
Dirección: Alberto San Juan.
Elenco: Pedro Casablanc e Manolo Sólo.
Deseño de espazo escénico: Teatro del Barrio
Iluminación: Raúl Baena.
Indumentaria: Teatro del Barrio.
Son/Música: Teatro del Barrio.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 19 de xullo de 2015.

 

 

 

Advertisements