Swamp Club

Da banalidade da fin do mundo

| Manuel Xestoso |

Swamp Club

Foto: Natasha Lelenco / MIT Ribadavia

 

Hai dúas formas de velo. Unha delas e renderse ante o que se deu en chamar “ironía posmoderna” como forma suprema da crítica. Admiraremos entón a metáfora: o grupo de artistas un tanto snobs que mentres todo se derruba permanecen ocultos nunha cova con mediateca, cantina e un rico programa de actividades culturais. A súa entrega a unha actividade absurda que, segundo eles, existe como motor espiritual do mundo. A vella toupa marxiana que, enferma, representa a fin da posibilidade da revolución. O paralelismo establecido entre os mundos natural e cultural, metidos nun invernadoiro que tende a musealizalos máis que a ofrecerlles unha verdadeira protección. Simpatizaremos incluso con esa estética, entre kitsch e naif, que pretende transformarse en sátira desa uniformidade visual de pésimo gusto que ateiga a paisaxe contemporánea.

Pero tamén –e mesmo concordando coa intención– podemos seguir mantendo a convicción de que a arte debe manter os seus esteos ben chantados na sociedade á que se dirixe. E, quizais sexa un erro de percepción, pero na sociedade actual –na que efectivamente todo se derruba–, vese máis xente pelexando por sobrevivir dignamente que ocultándose nunha sauna. Ao mellor é porque non nos dá o salario, ou o subsidio de desemprego, non o nego. Pero o grupo ao que se dirixe Quesne semella ter máis que ver cunha minoría que frecuenta os festivais internacionais de moda que coa inmensa maioría dos que anhelan ver as súas preocupacións –que non son poucas– reflectidas no escenario.

Mesmo podemos pensar nos múltiples dramaturgos que espremen desesperadamente as súas neuronas para atopar un conflito dramático que explique o mesmo que Swamp Club pero implicando ao espectador no seu discurso. Ou na cantidade de estudantes de interpretación que se deixan a pel para aprender algo de prosodia e non provocar chistes indesexados ao confundir palabras dunha lingua que descoñecen. Pero igual que os personaxes que habitan esta fábula, o director sitúase nun pantano que lle asegura a máis absoluta desconexión coa realidade, transformando así a fin do mundo nunha banalidade que non lle concirne.

En consecuencia, non importa que os protagonistas carezan de personalidade, que non exista tensión dramática, que non se revele ningún desexo nin se persiga ningún soño. Nin sequera importuna o aburrimento do público. O esteticismo trivial e intranscendente ocupa o lugar do teatro.

Ao peor é así, e unha sociedade banal merece unha arte banal. Se ademais esa arte banal ironiza sobre o banal da sociedade, xeraremos un requintadísimo divertimento intelectual sobre a banalidade. Mais precisarase a complicidade dun espectador banal. Que non conten comigo.

 

Swamp Club de Philippe Quesne
Compañía: Vivarium Studio / Nanterre-Amandiers – Centre Dramatique National
Concepción, posta en escena e escenografía: Philippe Quesne
Elenco: Isabelle Angotti, Snæbjörn Brynjarsson, Yvan Clédat, Cyril Gomez-Mathieu, Ola Maciejewska, Émilien Tessier, Gaëtan Vourc’h.
Colaboracións artísticas e técnicas: Yvan Clédat, Cyril Gomez-Mathieu
Foto: Martin Argyroglo
Construción da escenografía: Nicolas Amar, Timothy Larcher, Nicolas Loridan, Fabrice Parizy
Rexedor de luz e son: Thomas Laigle
Rexedor técnico: Marc Chevillon
Indumentaria-caracterización: Corine Petitpierre

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 20 de xullo de 2015.

 

 

 

Advertisements