Mar

Terra

Roi Vidal Ponte

Mar

 

Bolivia perdeu o seu mar en 1879 nun enfrontamento bélico con Chile. Desde entón, o tema da mediterraneidade é un asunto de estado e o sentimento de perda parte do seu volkgeist. A compañía Teatro de los Andes encara esta frustración desde un punto de vista que por momentos semella paródico, pero que nunca deixa de ser patriótico. Ou matriótico, polo protagonismo da actriz e pola presenza constante da figura da nai morta á que os fillos intentan levar a ese océano que ao país tanto lle falta.

Contan coa dramaturxia en residencia e coa dirección do arxentino Arístides Vargas, quen elabora un texto moi propio con elementos constantes na súa produción dramática, como a linguaxe poética, o humorismo crítico, a amargura e a inocencia.

O estilo interpretativo non acaba de dar coa tecla exacta para saber desde onde cantar esa poesía. O histrionismo das actuacións non axuda á comprensión duns textos xa de por si extremados e literarios. Máis que sobreactuación, o resultado é un excesivo subliñado no que non queda oco para a escoita relaxada.

Aí o humor si gaña, porque é nos momentos graciosos onde o respectable se engancha. A escena dos pijos de dereitas que necesitan ser socialistas un minuto ao día é das que mellor funciona, por saber casar a crítica social e o humor cunha interpretación actoral acaida. O uso da música tradicional andina e de certas manifestacións parateatrais como os bailes do carnaval, sen deixar de seren outra cara máis do estilo inocente que impera na proposta, polo menos responden á autenticidade do popular.

Da amargura é de onde procede a visión máis nacionalista. Aínda que a peza estea chea de chiscadelas irónicas que por veces queren subverter o discurso oficialista con clixés que nos son familiares (burla do himno, denuncia do machismo, mofa do militarismo) ao final está o mar aí agardando como recordatorio de que isto vai dun trauma histórico que afecta máis á nación como idea que á realidade dos seus habitantes.

É precisamente o xogo escénico que permite a porta, tres listóns de madeira que nun principio simbolizan o cadaleito materno, mais aos que se lle van apoñendo elementos até acabaren convertidos nunha icónica representación do país por medio das cores da bandeira e da recreación do escudo bolivianos, do máis interesante da montaxe, con rupturas e transformacións de lectura aberta e estimulante como a viaxe anguriada da mellor novela de Faulkner. Iso e a idea motor do texto, cunha promesa de levar a morta ao mar (a destacar a ambientación lumínica sempre ocre e seca até a sorpresa final e azul) que por veces é presentada coa angustia divertida da traxedia dun Godot sempre utópico.

E ao final, o mar, que defrauda aos personaxes pero epata ao público cun dispositivo escénico xa anunciado desde o comezo; confirmación de que todo ao que levabamos asistido era máis bonito de ver que de escoitar e de que ao final a marea sempre marabilla e decepciona á vez, como todo o que se desexa demasiado.

 

Mar de Teatro de los Andes e Arístides Vargas
Dirección: Arístides Vargas
Dirección de actores: María del Rosario Francés
Elenco: Lucas Achirico, Gonzalo Callejas e Alice Guimarães
Escenografía: Gonzalo Callejas
Vestiario: Alice Guimarães e Jacqueline Lafuente
Espazo sonoro: Lucas Achirico
Fotografía: Tiago Braga
Técnico de luz e son: Alejandro Bustamante
Produción: Giampaolo Nalli

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal, 6 de outubro de 2015.

 

 

 

Advertisements