Menú do día

Unha labazada ao humor espurio

Roi Vidal Ponte

menudodia

 

Grande parte do arrasador éxito de público de Carlos Blanco débese aos pubs nos que o actor fai as súas contadas desde hai xa máis de dúas décadas. A moda dos contacontos dos anos noventa derivou nun recoñecemento social que os converte nun fenómeno isolado dentro do teatro galego, co paradoxo de que moito do público que os tres grandes contadores (Blanco, Pazó e Cadaval) son capaces de meter nun teatro, logo non volven. Polo menos non todos, ou non sempre.

O monólogo ten en Galicia un selo de identidade inconfundible. O monologuismo galego está moi afastado dos patróns americanizantes do formato televisivo da stand up comedy clásica. Aquí as cousas fanse á nosa maneira, e aí é onde entra a retranca, esa verba enxebre de definición tan complexa.

No seu imprescindible estudo O humor galego alén da retranca, Félix Caballero define este tipo específico de ironía como “Habilidade para dicir o que un quere con certo disimulo, para dicir o que un pensa sen o dicir abertamente, sen que pareza que o di”. Como unha das formas xenuinamente galegas do humor, a retranca é, canda a rexouba e a mofa, un patrimonio inmaterial que ten os seus propios monumentos.

Con respecto ao monologuismo, o espectáculo presenta a novidade de incluir a presenza de Luis Davila. As tiras cómicas que publica no Faro de Vigo teñen o mesmo efecto que as contadas nos pubs, e fan que libros que recopilan as súas ilustracións se vendan a mancheas. Visto con perspectiva, Davila e Blanco estaban condenados a xuntarse. Comparten un sentido do humor case idéntico baseado na procura dunha autenticidade galega afastada do politicamente correcto e prefiren personaxes incómodas e marxinais, de contexto rururbano e costumes que reflicten o choque entre o atraso económico do país e o impacto da globalización capitalista.

No tocante ao escénico, vermos a Davila debuxar en directo grazas á proxección da súa pantalla dixital no fondo do escenario ten un interese performativo incuestionable. Mais tamén cómpre preguntarnos se a colaboración non dá mais de si, se sería posible integrar o discurso visual co verbal para que estes deixasen de compartir o escenario e creasen unha verdadeira simbiose escénica.

De calquera xeito, se este fose un país normal Davila e Blanco merecerían un teatro estable con función diaria. Xuntar a Carlos Blanco e a Luis Davila é como ter un facebook exclusivamente galego. As constantes referencias á actualidade e o alicerzamento das anécdotas na proximidade máis local, achegan Menú do día á estética da comedia bolañesa, entendida esta como a visión lúcida e descarnada, crítica e entrañable, do noso aquí máis achegado e do noso agora máis próximo, por molestos e desagradables que estes poidan chegar a ser.

Blanco e Dávila pintan as súas caricaturas con trazo groso e unha fonda admiración. Demostran que no país das unidades duplas, dos electricistas scriptófilos e dos atentados a puño descuberto a farsa pode ser un mellor espello que o drama realista. Aí está, sen ir máis lonxe, a figura da brava galega, esa avoa de aldea, sempre co mandil e o pano na cabeza, que representa o orgullo dunha feminidade herdeira do matriarcado e contraria á imaxe de submisión e servilismo que se ten dos galegos por aí adiante.
E o que queira entender que entenda.

 

Menú do día de Carlos Blanco
Dirección: Carlos Blanco
Elenco: Carlos Blanco, Luís Davila
Deseño son: Dani Juncal
Deseño iluminación: Dani Juncal
Escenografía e vestiario: Carlos Blanco
Axudante dirección: Lois Blanco
Música: Budiño, Berrogüeto
Animación: Kiko Da Silva

Teatro Principal, Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015.

Advertisements