Tijuana

O salario mínimo desde o sofá

Camilo Franco

Foto: Manuel G. Vicente

 

O concepto salario mínimo defínese máis polo adxectivo que polo sustantivo. É mínimo a palabra que marca a verdadeira natureza do asunto ao tempo que nos deixa diante desas verdades perversas da linguaxe e a práctica política. O que naceu como un dereito acaba reconvertido nunha condena. O salario mínimo tería o cometido de garantir un soldo que permita vivir. Pero cando se fixa á baixa, o que garantiza é a miseria. É a perversión que lle dá á palabra cambio un campo semántico sempre positivo ou que define mellora económica independentemente de como lle vaia á poboación.

Para a compañía Lagartijas tiradas al sol hai unha relación directa entre tamaño do salario mínimo e calidade da democracia nun país e con ese ánimo demostrador converte Tijuana na evidencia de para canto dá o salario mínimo nesa cidade mexicana, de cales son os límites da existencia, as marxes de manobra e o horizonte que se pode apreciar cando se gañan pouco máis de 3 euros por día, cando ao final de mes consegues liberar 1,5 euros ou cantidade similar que está por debaixo de que ninguén aquí considera mínimo. A compañía esquiva o cinismo porque sabe que quen observa perturba o observado e que ninguén quere sacrificar as súas comodidades ao empirismo total. A inmersión de quen se fai pasar por traballador de salario mínimo en Tijuana está feita por alguén que coñece outras calidades na vida diaria, por alguén que considera que a supervivencia é un problema a redimir non a súa circunstancia normal de vida. A compañía exhibe a inmersión e o mecanismo para chegar a ela. Ofrece a narración e o método empregado para contala. Nos dous casos quere ser verosímil, no segundo caso incluso é irónica. A distancia entre clases non se reduce, a aproximación dos acomodados sempre acaba en estética.

A inmersión ten forma de diario, de confesión, entre perplexa e resignada. Con certa nostalxia sacrificada, porque quen está aceptando pasar pola circunstancia temporal en malas condicións non pode deixar de lembrar que é outro, que está aí, traballando na maquila, pero non por supervivencia senón por vontade de saber ou contar. Lémbrase a si propio a cada pouco que el non forma parte directa dese fracaso. Máis como se el formase parte dos redentores. E nesta condición, a do observador que descende de clase a obra adquire unha segunda condición de testemuña: a da imposibilidade de cambiar verdadeiramente de condición. Esa mesma imposibilidade do actor de ser por completo o personaxe que interpreta. A existencia desa barreira invisible pero sólida que deixa a uns dunha beira e a outros da outra. Esa distancia que Occidente interpreta tan ben no manexo da retórica e que estes días ten como referente a pracidez de Dinamarca e a súa acollida a cambio de expropiación. Esa dobre vara de medir que asegura con neoliberal convicción que a propiedade privada é un valor sagrado para logo non respectarllo a quen chega pola porta. Esa é a mesma contradición de querer saber como se vive co salario mínimo e volverse un mes antes porque se ten unha dor de costas.

É máis fácil conmover o corazón dos occidentais que as súa tarxetas bancarias. É máis fácil ser deus que pobre. Quizais por iso non nos falta discurso para explicarnos o que sucede pero nos falta acción para que deixe de suceder. Europa pensa sentada no sofá. E hai unha parte de comodidade pero hai outra que claramente disimula unha pregunta: para que nós vivamos ben unha parte do mundo ten que vivir mal? O que vén despois da pregunta é, sexa cal sexa o argumento, unha grandísima forma de hipocresía por chamalo dun xeito educado.

 

Tijuana de Lagartijas tiradas al sol
Autoría: Gabino Rodríguez
Dirección: Lagartijas tiradas al sol
Elenco: Gabino Rodríguez.

Festival Escenas do Cambio, Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2016. Estrea Mundial.

 

Advertisements