Barrunto

A danza e o rito

Camilo Franco

 

Barrunto

Foto: Manuel G. Vicente

 

A vida non cambia tanto duns anos para outro. Por veces parece que si, que de improviso todo é diferente, que deus por fin dimitiu. Por veces parece que todo está a punto de cambiar porque alguén ten nova cartelería. Pero unha vez dentro, todo é máis ou menos igual. Igual de bo se era bo, igual de malo se era malo.  Cambiamos o rito que rodea ás cousas para non ter que cambiar as cousas.

Patricia Caballero antes de bailar fala cos espectadores. Entre coreografía e coreografía fala cos espectadores. Lémbralles que están aí voluntariamente e que a danza, en realidade, sucede nas súas cabezas. Transfire ao público a responsabilidade da montaxe final, como fai Ikea cos mobles. Fala cos espectadores con graza, descontando o peso que moitas veces acompaña ás explicacións da danza. Despois da charla, baila, para e mentres recupera o alento recupera a conversa co público. A danza é a mesma, Patricia Caballero só cambia o rito que a rodea. Por veces, como retando, a artista pregunta “¿quereis que hable o que baile?

Supoño que estades lendo isto voluntariamente. Non imaxino a ninguén obrigado a ler crítica, nin sequera adicándose a iso. Ao teatro ou á danza, non a crítica. A crítica é un asunto prescindible pero curioso na súa operativa: hai moita xente que se sente prexudicado por ela incluso antes de lela. Se estades aquí, sexan cales sexan os vosos motivos, é máis probable que sintades curiosidade pola obra que provoca a crítica que pola crítica mesma. Debería escribir máis de Barrunto ou da crítica? Veña, imos bailar.

Unha vez que Patricia Caballero decide pasar das palabras aos feitos quizais se entende mellor que as palabras son consecuencia dunha danza de celebración, directa, enérxica e sen adubíos. Non ironiza sobre a danza e baila eliminando esa retórica da transcendencia que tantas veces acompaña teoricamente ao bailado. Baila con frescura e inmediatez, sen sistema, como dando por feito que a danza sucede a cada momento.

Os espectadores non teñen costume de comunicarse sobre a crítica. Nin os artistas. A crítica naceu subordinada e aquí segue, como se o esforzo de entender fose menor. Na crítica, por exemplo, está moi mal visto facer digresións. É como se se estivese faltando ao obxectivo que nos convoca. Na crítica, por exemplo, din os artistas que está feo non ser directo, non explicarse ben ou xogar tanto coa linguaxe que os lectores perdan a referencia de se unha obra está ben ou mal. Así, en branco e negro. Todo sería moi pequeno se só houbera dúas posibilidades. Excepto os bipartitos.

Segundo asegura Patricia Caballero a obra non lle pertence. Pregúntalle aos espectadores, sentados na súa contorna,  que pezas queren ver e van saíndo nomes. En realidade é exactamente o contrario. A obra, o espazo, o escenario, o ritmo e a soberanía do espectáculo é completamente dela, incluso o público é completamente dela. E pregunta a sabendas de que fará o que queira e que xogará logo coas respostas entre baile e baile. Os espectadores poden sentirse tocados, encantandos, seducidos ou calquera outro verbo de atracción, pero hai unha conta que non cadra.

Non sei que pensades vós da palabra crítica. Ten ese sentido negativo e, ao tempo, está en todos os discursos: sociedade crítica, estudo crítico, ser crítico… todas esas formulacións máis ou menos ocas frente á idea de que ser crítico é buscarlle o fallo ás cousas. Non sei que pensades vós, pero debaixo deste texto hai uns cadros nos que podedes escribir o que vos pete sobre que esperades da crítica. Podemos ir máis alá: podedes pedir críticas con dedicatoria. Pedide e seredes atendidos.

A conta que non cadra en Barrunto é que a interacción cos espectadores non é, finalmente, tan importante para o espectáculo. Se fose retirada por esixencias de tempo, a danza de Patricia Caballero sería exactamente igual. Igual de boa, incluso. Ten un certo escapismo ou un encontrarse a gusto co público que non acaba de ampliar o campo de operacións da peza. Como un entremés antes de ir ao que viñemos. Incluso contando a xenialidade de invitar aos espectadores a leite materna para constatar que os espectadores aseguran non coñecelo, cando en realidade é só que non somos capaces de recordalo.

 

Barrunto, de Patricia Caballero
Creación e interpretación: Patricia Caballero
Acompañamento artístico: Balbina Parra e Lipi Hernández
Iluminación: Rubén Camacho
Coprodución: Festival BAD e Escenas do Cambio

Festival Escenas do Cambio. Santiago de Compostela. 5 de febreiro de 2016
 
 
 
 
 
 
 
 

Advertisements

2 responses to “Barrunto

Os comentarios están pechados.