Insulto ao público

O texto e o contexto

| Manuel Xestoso |

 

Insultos

Foto: Manuel G. Vicente

 

Existe o texto e existe o contexto. Ás veces o texto di unha cousa e o contexto di outra. Non hai máis que fixarse nas consecuencias dun chiste contado en twitter para decatarse de que a falta de contexto pode conducir a lecturas equivocadas. A mesma frase ten un significado nun lugar e o oposto noutro: por iso sempre resulta relevante ver en que condicións nos manifestamos.

Insulto ao público é un texto dirixido a unha sociedade que xa non existe e que, xa que logo, é difícil de ofender. A súa ironía dispara contra unha burguesía que entende a cultura coma un atributo de clase, e trata de inducir reflexións sobre a linguaxe e sobre a escena que talvez xa non resultan tan procedentes agora coma hai cincuenta anos, cando se estreou. Digamos que o contexto xa non é o mesmo.

Ou si. Porque o contexto pode manipularse. Porque o texto de Handke aínda mantén a súa capacidade de provocar cando é declamado por un grupo de adolescentes ante un público formado fundamentalmente por adultos. Vivimos nuns tempos en que a sociedade, teoricamente, se preocupa moito polos adolescentes. Pero que moi poucas veces lles cede a palabra. O paternalismo é preocuparse por un segmento da sociedade sen deixar que os seus compoñentes se expliquen. O que a alta burguesía dos anos sesenta facía coa cultura. O que os adultos de hoxe facemos cos adolescentes.

De aí que o contexto creado axude a que as palabras de Handke adquiran un significado novo e, non obstante, igual de insolente. Os rapaces e rapazas fan súas as palabras do autor, pero ao seu xeito: desafiando as convencións que os etiquetan como cidadáns sen voz nin voto. Retando ao propio texto a que se poña da súa parte: a que explique que o paternalismo non é o camiño correcto cara ao entendemento.

Móstranse a si mesmos adaptando a escena á súa contorna inmediata, que non consiste só en música pop e whatsapps –como o tópico pretende– senón, sobre todo, nun desexo de ser escoitados sen mediacións que atopa en Handke o colaborador ideal. Por iso xogan a ser el, a parodialo, a recrear a súa figura; para apropiarse do seu descaro e da súa irreverencia.

O teatro é un ritual que xoga a ser realidade. Propiciando a reflexión sobre o xogo, podemos chegar a algunhas conclusións sobre a realidade. E a montaxe dirixida por Borja Fernández e Uxía Vaello deixa o xogo espido ante unha realidade que emerxe das palabras dos actores: o que se pretendía un cuestionamento estético acaba por transformarse nunha acusación ética.

Aí están eles, os actores e actrices lembrándonos que son teatrais só porque están falando nun teatro pero que, ao mesmo tempo, forman parte dunha trama moi real na que todos somos cómplices e da que ninguén pode saír sen a participación dos outros. Lembrándonos que aínda existe moito paternalismo operando baixo a máscara do desvelo. Lembrándonos, en suma, que ese é o contexto: a realidade existe e non sempre é tan amable como aos espectadores nos gustaría que fose.

 

Insulto ao público de Peter Handke
Dirección e dramaturxia: Borja Fernández e Uxía Vaello
Creación e interpretación: Andrés Negueruela, Ángel García, Carlota Barrenetxea, Elena Ferreiro, Joaquín Serrano, Lia Clementina Vilas, Marcos Álvarez, Marta Casais, Martín Bussolari e Pablo Sangó
Iluminación e vídeo: Laura Iturralde
Espazo sonoro: Borja Fernández
Vestiario: Uxía Vaello
Traducción: Catuxa López Pato e Sabela López Pato

Festival Escenas do cambio. Santiago de Compostela. 4 de febreiro de 2016.

 

 

 

 

Advertisements