Comunicado conxunto sobre a detención dos titeriteiros en Madrid

Logosasoc
 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), a Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE), Crea (Asociación de directores realizadores de Galicia) e a Unión Internacional de Marionetistas-Galicia (UNIMA Galicia) queren amosar a súa solidariedade cos dous compañeiros da compañía de Títeres desde Abajo –detidos, acusados de enaltecemento do terrorismo e que foron enviados a prisión preventiva durante días– por unha actuación –La bruja y don Cristóbal– desenvolvida no marco das Celebracións do Antroido de Madrid.

Consideramos que a actuación policial e xudicial contra os nosos compañeiros supón unha agresión á liberdade de expresión non só dos/as creadores/as e artistas, senón do conxunto da nosa sociedade. Un ataque sen precedentes que nos retrotrae a tempos supostamente superados e que resulta incompatible cos principios dunha democracia e dun sistema xudicial que debe salvagardar os dereitos fundamentais da cidadanía.

Nos últimos días e dende diferentes estamentos políticos e mediáticos cuestionouse a calidade ou a conveniencia desta peza para un público infantil, o erro que supuxo a súa programación e a esixencia de responsabilidades políticas por tal equívoco. Sen entrar en consideracións ao respecto do impropio da actuación e do pouco acaído para espectadores cativos, queremos lembrar que todo este discurso conforma un debate secundario e mesmo anécdotico. A cuestión de fondo, a importante, a que nos atinxe a todos é outra. Por nada disto pasaron dúas persoas por prisión preventiva.

A gravidade dos feitos radica no intento de vulnerar a liberdade de expresión xeral, así como o acoutamento do feito artístico nas súas principais funcións: a de reflectir o estado das cousas, o respirar da sociedade, cuestionar os mecanismos de poder e poñer o foco sobre as principais problemáticas dunha sociedade. Semella todo un intento para fomentar a autocensura nun estado de medo previo e de deformar a básica diferenciación entre ficción e realidade, distorsionando os discursos e desprezando o pensamento da sociedade-público, coma se a cidadanía fose incapaz de comprender que se un autor/a decide reflectir na súa obra –sexa esta unha obra de teatro, unha película ou calquera outra manifestación artística– un feito execrable e violento non é porque estea a defender tales accións.

Elimínase así a reflexión, limítase o pensamento crítico e apóstase, unha vez máis, pola indesexable despolitización da cultura, querendo reducir as obras creativas unicamente a simple entretemento, de humor branco ou de nula implicación social. Exíliase así o cuestionamento de segundo que aspectos da sociedade, arrédase dese xeito calquera disidencia ou pensamento diverxente e elimínase a sátira. E, precisamente esa palabra, a sátira, é un puntal esencial na longa tradición de espectáculos de títeres de cachaporra, na que se enmarca o espectáculo de Títeres desde Abajo, cuxo principal obxectivo é tratar de forma descarnada e humorística certas cuestións da realidade e actualidade social.

Non deixamos de pensar, como outros moitos, na película Novecento, de Bernardo Bertolucci, nesa escena na que as autoridades cargan contra un espectáculo de monifates. Trátase dun retrato de opresión aparentemente doutros tempos, pero que nos últimos días estamos a vivir a través da carne dos nosos dous compañeiros titeriteiros.

Por todo o exposto, dende as entidades asinantes deste comunicado –constituídas por cidadáns que conforman un sector, un oficio– amosamos a nosa solidaridade con estes dous compañeiros, condenamos a súa detención e pedimos a súa liberación inmediata e a retirada dos cargos. Poñémonos, ademais, a disposición de partidos políticos, entidades, institucións e axentes sociais para participar nun necesario proceso de reflexión colectivo para fornecer o exercicio, comprensión e implicacións dos dereitos fundamentais de expresión e pensamento.

 

Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG),
Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas),
Academia Galega do Audiovisual (AGA)
Asociación Galega de Guionistas (AGAG),
Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia (AFEARTE)
Crea (Asociación de directores realizadores de Galicia)
Unión Internacional de Marionetistas-Galicia (UNIMA Galicia)

 

 

 

 

 

Advertisements

2 responses to “Comunicado conxunto sobre a detención dos titeriteiros en Madrid

  1. Un mero recurso narrativo o convirten en apoloxía do terrorismo.
    Ante a ausencia de terroristas mira onde os van a inventar!

    Liked by 1 person

Os comentarios están pechados.